ALCALDÍA

A compañía Jet Ready presenta o seu servizo de aerotaxis dende o aeroporto de Lavacolla aos empresarios composteláns

24/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo exerceu de anfitrión para os directivos da compañía Jet Ready na presentación da súa oferta de aerotaxis, que pretenden implantar en Lavacolla. Aínda que a compañía xa ten voado dende o aeroporto compostelán, a intención da empresa é ter un avión e persoal permanente en Santiago, decisión que dependerá dos contactos que manteñan con empresarios composteláns.

Nunha rolda de prensa á que tamén asistiron o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e un grupo de empresarios, o director xeral de Jet Ready, José María Espinosa, explicou que a súa compañía pretende quitar o "estigma do luxo" do voo privado, achegando o que denominou o "utilitario do aire". "Queremos facer alcanzable este servizo a calquera empresario", dixo, aínda que apuntou que tamén hai quen emprega este aerotaxi para voos familiares". O prezo que ofrece Jet Ready é o de 1.850 euros/hora.

Por este prezo, apuntou o director comercial da compañía, Alfonso García, Jet Ready ofrece un servizo que cualificou como "privado, rápido e económico". Entre as vantaxes citou a posibilidade de viaxar porta a porta (aos aeródromos máis próximos ao destino), evitar esperas en aeroportos ou o confort sen luxos do avión.

Jet Ready emprega para as súas operacións o avión Eclipse 500, un bi-reactor con capacidade para catro pasaxeiros. Alfonso García salientou que este aparato opera en pistas a partir de 950 metros de lonxitude, ten unha autonomía de ata tres horas e voa a unha velocidade e altitude similar á dos reactores das liñas aéreas comerciais.

Compartir: