CULTURA

Chega ao ciclo Sons da Diversidade Ana Moura, a nova estrela do fado

25/03/2011 O sábado 26 hai unha nova cita con Sons da Diversidade, ciclo organizado pola Concellaría de Cultura. Será a partir das 21.00 horas da man da nova estrela do fado, Ana Moura. As entradas xa están á venda na web de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia. O prezo é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Ana Moura presentará en Compostela o seu último traballo, Leva-me aos fados, no que conxuga a beleza do fado tradicional con camiños inesperados, situando o xénero fóra dos clixés lúgubres aos que ás veces se asocia. Un lamento exaltado co que entrou directamente no número 7 do Top World Albums Chart da Billboard en Estados Unidos. Críticos de medio mundo gaban a súa voz, e o New York Times aclámaa como "unha das luces máis brillantes dunha nova xeración que está revitalizando o fado portugués".

A artista avanza a grandes pasos para converterse nunha lenda da música portuguesa. É aínda nova, pero con só catro discos conseguiu o éxito dentro e fóra do país que a sitúan como a nova estrela do fado. Con ela queren actuar os grandes cando pasan por Lisboa: cantou con Mick Jagger no concerto dos Rolling Stones no Estadio de Alvalade e con Prince na súa actuación no Super Bock Super Rock. Coa súa voz, a súa presenza e un repertorio brillante construído co autor e produtor Jorge Fernando, Ana Moura está a conquistar o público de Europa e Estados Unidos.

Cando cantaba nun grupo de versións pop non podía imaxinar que en menos de dez anos se convertería na fadista de moda. Descuberta por Maria da Fé, pasou a cantar na casa de fados Sr.Vinho e de aí a gravar en 2003 o primeiro disco, Guarda-me a vida na mão, ao que seguiu Aconteceu (2004) e Para além da saudade (2007), que permaneceu máis de 120 semanas na lista de vendas de Portugal. O Premio Amália á Mellor Intérprete de Fado, os cheos nos coliseos de Lisboa e Porto, as xiras internacionais e o feito de ser a primeira artista portuguesa en cantar no Carnegie Hall de Nova York apuntan na mesma dirección: o presente do fado chámase Ana Moura.

Quinta cita da tempada
Sons da Diversidade é un ciclo de concertos que chega a súa oitava edición como unha referencia da programación cultural do país. Sons é unha vía de achegamento ás diferentes culturas do mundo a través da súa música. A tempada 2010-2011 abriuna Berrogüetto en novembro, seguido de Lokua Kanza en decembro, de Carmen Linares en xaneiro e de Mari Boine en febreiro. Despois de Ana Moura pasarán polo Auditorio de Galicia Hindi Zahra, Eleftheria Arvanitaki e Ana Belén e Rosa Torres-Pardo.

Compartir: