COMERCIO

Promoción Económica abre o prazo para inscribirse na edición de primavera do VIII Concurso de Escaparatismo

22/03/2011 Os comercios de Santiago de Compostela xa poden anotarse na edición de primavera do VIII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2011, aprobada en Xunta de Goberno e organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O 15 de abril finaliza o prazo para inscribirse no certame. O obxectivo do concurso, cunha dotación de 6.364,59 euros en premios, é contribuír á dinamización e mellora dos establecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

O Concurso de Escaparatismo está dirixido a todos os establecementos da cidade. Os comercios interesados poden apuntarse de balde. Só teñen que cubrir o formulario de inscrición que hai ao final das bases do concurso (que se poden descargar da páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org), e envialas por fax ao número 981 543 193. Tamén se pode realizar a inscrición enviando un correo electrónico inscricionspe@santiagodecompostela.gal. Neste correo teñen que constar os seguintes datos: nome do comercio, sector ao que pertence, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico (se o teñen), así como declaración responsable do representante do establecemento participante relativa a que conta coas licenzas pertinentes e non está incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas nos apartados 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia.

Na edición de primavera premiaranse tres comercios, que recibirán campañas publicitarias por valores superiores aos 2.800 euros para o primeiro clasificado, aos 2.100 euros para o segundo e aos 1.200 para o terceiro. As campañas de comunicación outorgadas aos premiados combinan diferentes formatos en función do premio obtido: publicidade audiovisual, valos publicitarios, prensa escrita e radio.

O xurado, no que se integran asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valora especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos.

No concurso, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio dende o ano 2004, colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, Euroconsumo Galicia e o Grupo Correo Gallego.

Compartir: