XUNTA DE GOBERNO

Actualizadas as tarifas dos estacionamentos e do tanatorio de Boisaca

22/03/2011 A Xunta de Goberno aprobou a revisión de tarifas dos aparcadoiros non xestionados directamente por TUSSA para 2011, que se actualizan de acordo á suba do IPC entre decembro do 2009 e decembro de 2010, cifrada no 3%, agás no caso do estacionamento da praza de Vigo, no que o incremento é do 75% dese IPC, é dicir o 2,25%. Tamén se poñen ao día as tarifas do tanatorio de Boisaca.

Os aparcadoiros afectados pola actualización das tarifas son os da praza de Vigo, San Clemente, Hórreo, San Caetano, Romero Donallo, Puente Castro-A Rosa, praza Roxa e Choupana. As tarifas do estacionamento da praza de Galicia non son obxecto de revisión.

A modo de exemplo, o prezo de media hora de estacionamento na Praza Roxa queda en 1,10 euros, polos 2,05 da hora e os 3,75 euros das dúas horas. Neste estacionamento pódense adquirir bonos mensuais (122,71 euros), diúrnos (90,13 euros), nocturnos (57,40 euros), matinais (65,52 euros) e de día completo (14,22 euros).

En Romero Donallo, estes mesmos períodos de tempos sitúanse, respectivamente en 1,05 euros, 1,80 e 3,20 euros. Aquí os bonos son de mañá, tarde ou noite, cun custo en cada un dos casos de 54,33 euros, ou mensuais, por 95,06 euros.

En canto ao aparcadoiro da Rosa-Ponte Castro, os prezos exemplo quedan en 0,95, 1,70 e 3,05 euros. A opción de bonos é triple: diúrno (73,09 euros), nocturno (56,89 euros) e mensual (117,75 euros).

O aparcadoiro do Hórreo custa 0,95, 1,70 e 3,10 euros; o de San Caetano 1,05, 1,70 e 3,15 euros e, finalmente, o de San Clemente 1,10, 1,80 e 3,20 euros. Estes tres estacionamentos, xestionados pola mesma concesionaria, dispoñen de bonos mensuais con prezos de 134,90, 113,62 e 147,30 euros, respectivamente.

No aparcadoiro da praza de Vigo, o prezo por media hora sitúase nos 0,85 euros e o dunha hora en 1,50 euros. Dúas horas custarán 2,60 euros. O bono mensual ten un prezo de 89,50 euros.

Xa no estacionamento da Choupana, por estas mesmas fraccións horarias, as tarifas son: 0,90, 1,90 e 3,95 euros, respectivamente. Aquí ofrécese ao usuario a posibilidade un abono mensual por 90,45 euros, un abono comercial por 54,03 euros ou un prezo por día completo por 14,27 euros. Cómpre lembrar que en todos estes aparcadoiros se aplica a tarificación por minutos.

Tanatorio de Boisaca
Tamén se procedeu á actualización das tarifas por servizos no Tanatorio Municipal de Boisaca. O incremento relativo sitúase no 3,80%, de acordo ao incremento do IPC no período decembro 2008-decembro 2010.

Como prezos máis salientables, a utilización da tanatosala queda en 388 euros, mentres que o emprego do crematorio terá un custo de 285 euros. O servizo de funeral na capela realizarase a un prezo de 121 euros. Estes prezos non teñen o IVE incluído. Tamén se revisan os prezos de todos os servizos de tanatorio e camas, conservación e embalsamado, traslados ou urnas.

Xuventude e Festas
No ámbito de Xuventude, adxudicáronse as obras do edificio destinado a Centro Xove de Creación Cultural na Almáciga, por 183.932 euros. Este proxecto, incluído no proxecto Urbana Santiago Norte, financiado con cargo a fondos FEDER, é o coñecido como "A Nave", un espazo anexo ao aulario xa en marcha. Trátase dun edificio multifuncional pensado para crear producións artísticas que requiran un espazo de grandes dimensións e boas condicións técnicas.

Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o inicio da contratación do servizo para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo. O tipo de licitación fíxase en concepto de canon que o concesionario deberá aboar ao Concello, cifrado en 116.024 euros.

Medio Ambiente
A proposta da concelleira de Medio Ambiente, adxudicouse o contrato para a realización de actividades de educación ambiental no parque de Belvís e no Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago de Compostela, por 27.528 euros.

Ademais, aprobouse o proxecto modificado das obras de substitución do depósito de augas de Vrins e de integración ambiental do contorno, pola cantidade de 68.768 euros. Determínase que a adxudicataria da obra inicial acometa a intervención e valídase a xa realizada ata o momento.

Tamén se adxudicaron as obras de mellora na rede de saneamento de Son de Abaixo, cun custo de 26.686 euros.

Benestar Social
Xa no eido de Benestar Social, o Goberno local deu o visto bo ás bases reguladoras e á convocatoria de subvencións para a realización de programas integrais de inserción laboral dirixidas a entidades sociais e ONGs para 2011. Destínanse 100.000 euros ás axudas desta iniciativa, incluídas no programa Urbana Santiago Norte.

Centros Socioculturais
Dous programas da Concellería de Centros Socioculturais foron aprobados na sesión. Un é o da terceira idade, ata xuño de 2011, cun orzamento de 26.720 euros. O outro, con 9.912 euros, é o das excursións.

Mercados
Finalmente e materia de Mercados, aprobouse o proxecto de regulamento de venda ambulante. O actual debe ser adaptado aos cambios derivados da nova normativa e das propias circunstancias actuais deste tipo de comercio.

Documentos relacionados



Compartir: