MEDIO AMBIENTE

Os alumnos do Monte dos Postes plantaron máis de 200 árbores no parque das Cancelas

21/03/2011 Como todos os inicios de primavera, o Concello de Santiago celebrou o Día da Árbore e o Día da Auga cunha programación de actividades protagonizadas por escolares e impulsadas dende a Concellaría do Medio Ambiente. Este ano foi o parque das Cancelas o escenario escollido para celebrar estas xornadas.

A concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, participou na plantación de máis de 200 árbores efectuada polo alumnado do CEIP Monte dos Postes. No acto participaron tamén outros membros da corporación municipal e representantes e traballadores das empresas concesionarias de parques e xardíns, CESPA, e do abastecemento de auga, Aquagest, coorganizadoras do evento, así como o presidente e outros membros da directiva da Asociación Veciñal das Cancelas e veciños e veciñas e familiares dos escolares. Unha placa conmemorativa queda no parque como recordo do acto.

Aproveitando a ocasión, a edil de Medio Ambiente lembrou "a importancia de plantar, coidar e apreciar as árbores" e insistiu na mensaxe da auga "como un ben moi valioso que non se pode malgastar, e que hai que compartir, tamén coa natureza". "Ademais hai que utilizala responsablemente, duchándonos na vez de bañármonos, pechando a billa mentres lavamos os dentes, etc", explicou aos escolares. Xa ante os medios de comunicación, Elvira Cienfuegos transmitiu "a importancia deste tipo de experiencias dende a infancia, que sempre teñen unha reposta moi positiva e que van asentando os valores de respecto ambiental e coidado da natureza xa nesta etapa de formación académica e como persoas". Os nenos e nenas do CEIP Monte dos Postes participaron activa e responsablemente nas plantacións, guiadas por persoal do Departamento de Parques e Xardíns, de CESPA e de ADEGA.

Novo xardín xeométrico
Durante o acto tamén se presentou unha nova superficie case triangular limitada por muretes transformada nun pequeno xardín xeométrico cunha canle de auga recirculante que funcionou neta xornada por primeira vez. O alumnado do CEIP Monte dos Postes plantou uns 200 exemplares de distintas especies de árbores formando pequenos bosquetes nas pezas delimitadas por camiños: nunha das pezas plantáronse bidueiros, noutra freixos, e noutras faias, carballos, acivros e tamén capudres,.

Todos os participantes recibiron unha camiseta conmemorativa, gorras, ademais de trípticos, marcapáxinas alusivos, vasos e por suposto o bocadillo. Co obxectivo de que estes Días Mundiais se celebren en todos os centros educativos de Santiago, a Concellaría facilitou tamén materiais (carteis, trípticos,..) a todos os centros, así como exemplares de árbores para a súa plantación entre aqueles que así o solicitasen, como o novo Ramón Cabanillas, que celebrará proximamente o Día da Arbore.

Ademais, ponse á súa disposición a oferta de actividades de educación ambiental organizadas polo Concello, e as visitas aos parques e roteiros por Santiago que, como cada primavera, se ofertan dende a Concellería de Medio Ambiente coa colaboración de CESPA.

Compartir: