CONSORCIO

O Consorcio de Santiago restaura o relevo pétreo da fachada da Capela das Ánimas

18/03/2011 O Consorcio de Santiago, no marco da recuperación integral da Capela das Ánimas, comezou a restauración do relevo pétreo que preside a fachada do templo, un grupo escultórico de grande orixinalidade que representa ás almas dos defuntos que están no Purgatorio, entre as chamas.

Na actualidade, o relevo presenta desgastes e restos de sucidade, polo que, primeiramente, vaise proceder a unha limpeza xeral. A continuación procederase a efectuar os traballos de restauración propiamente ditos, que inclúen unha reintegración cromática, polo que o conxunto recuperará a súa policromía orixinal: vermello nas chamas e rosado nos corpos das almas.

Este traballo é complementario ao iniciado hai catro anos e que permitiu recuperar todo o conxunto de retablos da Capela das Ánimas, realizados en estuco de xeso, algo insólito no norte peninsular. A restauración, dirixida por Ángeles Fernández de Santiago, continúa outras obras de conservación e mantemento que se están a levar a cabo no exterior da Capela, a cargo da empresa de restauración Diconsa.

Todo este proceso de recuperación patrimonial desenvolvido dende o Consorcio enmárcase no programa do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago, que se celebra neste 2011. Neste sentido, o 16 de abril está prevista unha cerimonia de inauguración da restauración do conxunto dos retablos da capela. Ademais, a igrexa será escenario de tres concertos do Festival de Músicas Contemplativas, programado para a Semana Santa.

A recuperación dos retablos das Ánimas
A recuperación arrincou en marzo de 2009, cando o Consorcio de Santiago presentaba o proxecto de conservación e restauración global dos retablos da Capela Xeral de Ánimas, tras dous anos e medio de estudo e traballo como base de actuación para o conxunto artístico. Este estudo reflicte a técnica de execución diferenciada en dúas partes, dependendo do material constitutivo da obra. Por un lado, o arco e banco de cada altar, construídos en madeira policromada; e, por outro, as escenografías realizadas en estuco de xeso, aplicado sobre estrutura de ladrillo e posteriormente policromadas.

A raíz dun primeiro informe, o Consorcio asinou un convenio de colaboración co Opificio delle Pietre Dure (OPD) de Florencia e creou un obradoiro de formación para restauradores conservadores, o que permitiu coñecer as dificultades técnicas que encerra a elaboración do estuco de xeso. Os técnicos da OPD centraron a atención no problema de consolidación do estuco, incidindo na necesidade dun máis amplo proxecto de conservación de todo o conxunto arquitectónico.

Das conclusións obtidas en colaboración con OPD desenvolveuse un primeiro proxecto para a intervención sobre dous retablos, de tal xeito que estes serviran de mostra para a elaboración do proxecto definitivo dos sete restantes retablos da Capela das Ánimas. Precisamente en abril de 2009, o Consorcio presentaba ao público a espectacular recuperación do primeiro dos retablos, o da Caída.

Obra mestra de Manuel de Prado
Manuel de Prado realiza esta decoración escultórica da Capela entre 1804 e 1814, considerada como unha das súas obras mestras. As pezas plantéxanse como espello do mundo clásico, pois o estuco é unha técnica tipicamente italiana. Una técnica decorativa moi utilizada polos romanos e amplamente citada por Plinio e Vitrubio. Deste xeito protagoniza a recuperación estética e temática da romanidade durante o Renacemento, sendo rescatada despois durante o Neoclasicismo.

Hai que dicir que a lectura do conxunto iconográfico dos retablos se nos presenta incompleta. Pois as nove pezas escultóricas que se conservan na actualidade na Capela das Ánimas (incluíndo o retablo maior) son parte dos trece relevos proxectados inicialmente e nunca realizados. O ciclo representado é a Paixón, Morte e Resurrección de Cristo.

Os retablos de Manuel de Prado están ligados á fundación da Confraría Xeral de Ánimas en 1655. Esta confraría estaba formada por clérigos e laicos ilustrados pertencentes á nobreza e á Universidade. Un colectivo que exerceu o apostolado, impregnado dun profundo caracter franciscano e un elevado sentido da caridade cristiá. Tratábase dunha agrupación que exercía a solidariedade veciñal e que influía sobre a sociedade urbana do momento grazas a solvencia económica do grupo.

As obras da igrexa deron comezo o 8 de abril de 1784 e a súa consagración tivo lugar o 31 de agosto de 1788, converténdose no máximo exemplo de arte neoclásico da cidade. O propio arquitecto da igrexa, Melchor de Prado Mariño, foi o inspirador do discurso iconográfico destinado a vestir as numerosas capelas do templo, que foi executado polo seu irmán Manuel de Prado.

O programa escultórico de Manuel de Prado evoca a concepción escenográfica das capelas dos Sacromontes europeos e a especial importancia do Vía Crucis, en estreita conexión co carácter da propia Confraría Xeral de Ánimas.

Compartir: