CULTURA

Á venda os abonos para os concertos de abril e maio do Auditorio de Galicia

18/03/2011 O programa de abono do Auditorio de Galicia ofrece a posibilidade de mercar un abono xeral para toda a temporada ou de facelo por ciclos: de outubro a decembro; de xaneiro a marzo; e abril e maio. Os abonos para este último grupo, o chamado ciclo D, que comprende os concertos de abril e maio, póñense á venda o luns 21 de marzo.

Os abonos poderán adquirirse ata o día 1 de abril na web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443. A partir de aquí, dende as 8:00 horas do 2 de abril, poderán mercarse as entradas individualmente para cada concerto, tamén en Caixa Galicia ata 24 horas antes de cada concerto ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia a véspera e o día do concerto de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

O custo deste ciclo D, que comprende nove concertos, é de 78,20 euros, o que supón un 15% de desconto sobre a compra das entradas por libre, que ascendería a 92 euros. Para xubilados e estudantes a bonificación é, como vén sendo habitual, do 50%, polo que o abono deste ciclo custaría para eles 46 euros. Con estas iniciativas, a Concellaría de Cultura pretende fomentar a asistencia aos concertos do programa de abono, así como fidelizar ao público.

Os que merquen este abono D poderán gozar por 78,20 euros de seis concertos da Real Filharmonía de Galicia, dous concertos do Ciclo de Piano "Ángel Brage" e un da Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias. En abril, o domingo día 3, teremos a Arcadi Volodos dentro do ciclo de piano; o xoves 7, concerto da Real Filharmonía baixo a dirección de Ros Marbá con Carolin Widman, ao violín; o xoves 14 será dirixida por Antoni Witt, con Marta Boberska, soprano; Ewa Marciniec, mezzosoprano; Jaroslav Brek, barítono; e o coro de RTVE; e xa o xoves 28 dirixida por Johanner Debus con Håkan Hardenberger, trompeta.

En maio, o día 5 hai concerto da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Christoph König con Gregori Nedobora, violín; Nikolai Velikov, violín; e Simona Kantcheva, piano; o día 12 estará dirixida por Carlos Miguel Prieto con Daniel Müller-Schott, violoncello. O xoves 19 visita Compostela a Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, que dará un concerto dirixida por Guillermo García Calvo e con Víctor e Luis del Valle en dúo de pianos. O domingo 22 haberá de novo un concerto do Ciclo de Piano "Ángel Brage", nesta ocasión con Aldo Ciccolini. E para pechar esta temporada, a Real Filharmonía de Galicia dá un concerto o xoves 26 dirixida por Antoni Ros Marbá, con Patricia Kopatchinskaja ao violín.

Compartir: