TURISMO

Santiago(é)Tapas abre o prazo de inscrición

18/03/2011 Turismo de Santiago, organizadora de Santiago(é)Tapas, anuncia que os establecementos interesados en participar neste evento poden facer a súa inscrición entre o 18 de marzo e 6 de abril.

Fixouse o número de locais participantes nun máximo de 50, inscritos por rigorosa orde de presentación da súa solicitude. O concurso enmárcase dentro do programa de actividades do Consorcio para celebrar o 800 aniversario da Consagración da Catedral, como un xeito de facer constar que a gastronomía compostelá é tamén unha dimensión cultural da cidade.

Nesta cuarta edición, o concurso cambia de datas pola petición da Asociación Hostalería Compostela, coorganizadora do evento xunto con Turismo de Santiago. Nas tres primeiras edicións celebrouse na segunda quincena de xuño e os primeiros días de xullo. Pero nesta ocasión adiántase á segunda quincena do mes de maio, concretamente entre o 13 e o 29 de maio, co obxecto de dinamizar ao sector nese mes.

Santiago(é)Tapas, pese a súa xuventude, é xa un evento consolidado na axenda da cidade. No ano 2010 celebrou unha edición especial por motivo do Ano Santo, ampliando a súa duración normal de 17 a 24 días. Neste período, composteláns e turistas consumiron máis de 35.000 tapas nos estabelecementos participantes no concurso.

O "Xurelo afumado", do Calderón, foi a tapa gañadora do primeiro premio do xurado da edición do 2010. En segundo lugar quedou o "Queixo con marmelo", e en terceiro o "Mexillón con casca", do Acio. A Tapería Castelao obtivo o premio do público, coa súa "Hamburguesa de xoubiña", e o premio (é)xcelente, tamén outorgado polo público, foi para El Olivo.

Nesta cuarta edición potenciarase a promoción do concurso e a participación dos usuarios a través das principais redes sociais, coa páxina oficial de Turismo de Santiago en Facebook, www.facebook.com/TurismodeSantiago e a través da conta de Twitter da empresa municipal de promoción turística, @santiagoturismo.

Compartir: