PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os seis proxectos premiados no Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2010 xa están constituídos como empresas

18/03/2011 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presidiron no Pazo de Raxoi a entrega dos premios ás persoas promotoras dos seis proxectos empresariais galardoados no Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2010: Natural Green, Feitoría Verde, Dime Soluciones Energía y Sostenibilidad, Enkenda, Danga Danga e Itrium Tecnólogies. As seis empresas, que recibiron como premio 4.000 euros cada unha, dos que se descontaron os impostos, están xa constituídas.

O Concurso de novas ideas empresariais contou, en 2010, cun orzamento de 24.000 euros. Pertence ao programa de fomento do emprendemento Compostela Activa. Este programa, enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago. Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, organiza este concurso, e para as que acaban de montar unha empresa, establece ademais unha liña de axudas da que se beneficiaron, na pasada edición, 24 novas empresas de Santiago.

O Concurso de novas ideas empresariais está dirixido ás persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial e no momento de presentar a solicitude non iniciaran a actividade. Igual que en anos anteriores, en 2010 un mesmo proxecto podía presentarse a distintas categorías, sempre que se axustasen aos criterios especificados nas bases.

1. Novas ideas empresariais categoría xeral: presentáronse 16 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Verónica Soledad Ordóñez, Natural Green. Trátase dun proxecto de restauración, un restaurante tipo buffet para servir menús de produtos de tempada, galegos e de proximidade. A idea é facer boa cociña, con produtos da terra de calidade e prezos competitivos. Natural Green, S.L., abre un punto de comida rápida e san a través dun servizo de buffet libre, que trata de por énfase na comida tradicional galega. Ofrécese un buffet libre no cal por un prezo pechado e asequible se pode xantar todo o que se desexe. Prestarase especial atención aos produtos de temporada e típicos de Galicia.

2. Novas ideas empresariais promovidas por mulleres: presentáronse 9 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Noa Estévez e Paula Lubián. Feitoría Verde Educación e participación socioambiental é unha pequena empresa que entende a educación ambiental como unha ferramenta imprescindible para a sensibilización e participación activa da cidadanía. A súa intención é servir de axentes de promoción da dinamización social e da potenciación da capacidade de participación das persoas e dos colectivos para mellorar a nosa relación co medio ambiente. Foi o proxecto cunha mellor puntuación técnica no apartado de viabilidade económica.

3. Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude: presentáronse 12 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Miguel Vázquez, Esteban Vieites e Daniel Rey: Dime Soluciones Energía y Sostenibilidad. É unha nova empresa formada por tres universitarios dedicados ao mundo das enerxías renovables. Traballan na realización de estudos de eficiencia enerxética tanto a nivel usuarios coma a nivel entidades tanto públicas coma privadas. Traballan tanto a nivel doméstico coma a nivel empresas, proporcionándolles solucións enerxéticas que sexan o máis sostíbeis coma sexa posíbel e en cada caso, e ofrecéndolles unha solución adaptada a cada un dos clientes, como redución do consumo enerxético, adaptación aos plans de eficiencia enerxética, renovación optimización do uso dos equipos e aplicacións de enerxía renovable.

4. Novas ideas empresariais categoría autoemprego: presentáronse 11 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Pablo Oubiña: Enkenda. Co lema "Profesionais dende outra perspectiva" bota a andar Enkenda, unha plataforma na rede que permite coñecer e contratar profesionais para obras relacionadas coa vivenda e a xardinería nas distintas comarcas de Galicia. Carpinteiros, torneiros, canteiros, escaiolistas, electricistas… esta rede trata de poñer en contacto a profesionais que teñen en común a calidade e o rigor no traballo con todas aquelas persoas que precisen facer unha reforma, un arranxo ou calquera obra na súa vivenda. O sistema tamén permite que os propios usuarios valoren os traballos das empresas que contrataron, creando así unha rede de confianza, que é un aspecto fundamental á hora de contratar este tipo de servizos. Os profesionais que se queiran adherir a Enkenda non teñen que pagar nada. A calidade será o único requisito para pertencer a esta rede.

5. Novas ideas empresariais Comercio-Turismo: presentáronse 5 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Marta Eiríz, Gaspar Broullón e José Manuel Bazarra sobre produción e realización de audiovisuais Danga Danga Audiovisuais. É unha produtora que comezou a súa andaina hai moi pouco tempo, aínda que os seus integrantes, Sepi Bazarra, Gaspar Broullón e Marta Eiriz, levaban anos traballando no sector, xuntándose para as curtas do primeiro, como pode ser o xa clásico Berberecho. Actualmente Danga Danga realiza programas de TV, traballos para a Universidade, CSIC e está a preparar a súa primeira longametraxe, Setembro.

6. Novas ideas empresariais industria-servizos avanzados para empresas: presentáronse 11 solicitudes. Resultou premiado o proxecto presentado por Roi Ares, Marcos de la Vega e César Villar: Itrium Technologies SL. Trátase dunha plataforma cloud de telefonía IP orientada a PEMEs coa que os clientes poderán acceder a unha serie de servizos de comunicación ata agora reservados a custosas centraliñas físicas. Ao tratarse dun sistema cloud non se require inversións en hardware nin ningún tipo de instalación, o tempo de despregue e implantación é mínimo. Entre as funcionalidades dispoñibles pódense destacar: selección do número de entrada, creación de usuarios e departamentos, creación de filtros para os desvíos de chamadas, caixa de voz personalizada, creación de menús de voz e administración vía web, entre outros. Os clientes poderán mellorar a súa produtividade, ofrecer una imaxe máis profesional, controlar o gasto e acceder a toda a información sobre a súa actividade telefónica de xeito inmediato e sinxelo.

Compartir: