CONSORCIO

Música e patrimonio na Semana Santa de Santiago de Compostela

18/03/2011 A VI edición do Festival de Músicas Contemplativas marca o inicio da programación cultural do 800 Aniversario da consagración da Catedral de Santiago. Unha aposta polo diálogo intercultural que se plasma en 13 concertos representativos de tradicións musicais de Oriente e Occidente

Durante a Semana Santa, diferentes igrexas de Santiago de Compostela acollerán a sexta edición do Festival de Músicas Contemplativas, unha iniciativa cultural creada e organizada polo Consorcio de Santiago e ligada ao patrimonio histórico da cidade: 13 concertos que terán como escenario igrexas emblemáticas do casco antigo e que conxugarán o binomio de cultura e patrimonio. Entre o 18 e o 23 de abril, as igrexas de San Agustín, Ánimas, San Francisco, Santa Clara, Orde Terceira, San Martiño Pinario e Universidade acollerán diferentes concertos de grupos instrumentais e solistas vogais procedentes de Europa, Asia e África, representantes de diferentes tradicións musicais.

A cidade de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, conmemora este 2011 o oitavo centenario da consagración da súa Catedral, un evento que serviu ao Consorcio de Santiago para pór en marcha un ambicioso programa cultural que arrincará, entre outras actividades, co Festival de Músicas Contemplativas e que incluirá exposicións conmemorativas, publicación de libros e outros festivais de música, como o Compostela Organum Festival, no que os órganos históricos da cidade serán os protagonistas.

Escoitar e contemplar
O Festival de Músicas Contemplativas é un diálogo musical aberto que transmite un forte compromiso intelectual no marco dun mundo cada día máis globalizado. A iso únese a riqueza do patrimonio histórico de Santiago, polo que ao pracer de escoitar únese o pracer de contemplar. A política de recuperación do patrimonio arquitectónico levada a cabo polo Consorcio de Santiago ten nesta nova edición do Festival de Músicas Contemplativas un dos seus obxectivos prioritarios: dotar dunha nova dimensión a impresionante herdanza histórica e monumental dos edificios restaurados, converténdoos durante uns días en escenarios de primeiro nivel.

Despois de cinco edicións, non se pode entender a programación cultural da capital de Galicia sen o Festival de Músicas Contemplativas. Unha cita que vai máis aló do puramente artístico para converterse en compromiso intelectual fronte ao mundo globalizado, cunha vocación irrenunciable por franquear camiños, abrir diálogos e acabar con barreiras de descoñecemento que se levantan entre os pobos e as culturas. Ao redor da cultura musical de distintas rexións do planeta, conxugando tradición, mito e espírito, o festival organizado polo Consorcio de Santiago móstrase como unha declaración de principios feita desde Compostela, Patrimonio da Humanidade e lugar de peregrinación renovadora, coa inequívoca orientación de converterse nun lugar de encontro musical, con vontade de depurar lecturas simplistas sobre o devir das civilizacións para ser confluencia de diálogo cultural dos que buscan entender e compartir o saber.

O programa
O Festival arrinca o luns 18 de abril co grupo inglés de música antiga The New London Consort, que na igrexa de San Agustín interpretará o Oratorio de Pascua de Bach, dirixido por Philip Picket. A partir de aquí sucederanse concertos de grupos procedentes de Suecia, Uzbequistán, Acerbaixán, a illa africana de Mayotte, Francia, Inglaterra, Siria, India, Holanda e Exipto. Os sons máis orientais chegan da man de agrupacións como Nodira, Fargana Qasimova ou Nouredine Khourchid, acompañado este último polos coñecidos monxes danzantes "derviches" de Damasco. A música tradicional de guitarra india estará representada por Vischwa Mohan Bhatt e os cantos sufíes de Exipto polo Sheik Yasin Ao Tuhami. Dende Mayotte, pequena illa do Índico fronte a Mozambique, chegarán as mulleres cantantes de Deba cos seus cantos sufís.

O mellor da música sacra renacentista e barroca virá da man do sueco Gustaf Sjökvist e o seu coro de cámara e de Il Complesso Barocco, dirixido por Alan Curtis. O coro alemán Rheinische Kantorei presentará un monográfico de Bach cunha selección dos seus mellores motetes, e o grupo de música antiga Diabolus in Musica ofrecerá un programa conformado por composicións medievais francesas.

Un momento destacado do Festival de Músicas Contemplativas estará protagonizado pola Paixón composta polo estoniano Arvo Pärt, creador do coñecido como minimalismo sacro, e que soará na voz do fabuloso Hilliard Ensemble, que un ano máis regresa a Santiago co seu director Christopher Bowers-Broadbent. O festival clausúrase o sábado 23 de abril co King’s Consort que, na Capela de Ánimas, interpretará tres dos Oficios de Tebras compostos en 1714 por François Couperin.

Documentos relacionados



Compartir: