CULTURA

A Zona "C" celebra o seu cuarto aniversario coa presentación do catálogo das intervencións que acolleu no último ano

17/03/2011 A Zona "C" de San Domingos de Bonaval celebrou o 13 de marzo o seu cuarto aniversario e, como é habitual nesta celebración, presentouse o catálogo que recolle as intervencións do último ano. Fixérono a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; e, en representación de artistas e comisarios, Ana Amado, que comisariou o traballo de Nuria Ruibal, Entre a razón e a pel.

A concelleira de Cultura lembrou que a Zona "C" é un espazo moi especial xa que "ofrece unha oportunidade aos novos creadores e reflicte un modo de entender Compostela e a cultura, de aí o seu nome, con esa C". García Conde lembrou que este tipo de espazos non son moi frecuentes e que son acollidos por artistas e público de modo moi positivo. E tamén polas institucións, xa que a propia universidade de Santiago de Compostela, a través do Master de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas, colabora con este espazo. A edil destacou que as intervencións que se fan na Zona "C" "teñen un carácter efémero, porque son pensadas para ese lugar en concreto", de aí que o catálogo que edita a Concellaría "sexa unha forma de deixar pegada, de que esa intervención perviva no tempo, ademais de tamén servir de instrumento aos artistas para amosar a súa obra".

Neste catálogo, que é o cuarto que se edita, aparece información sobre as intervencións realizadas desde xaneiro de 2010 a xaneiro de 2011, así como de diferentes actividades que a Concellaría organiza neste espazo. Así, aparece información sobre Grandes batallas, de Antía Moure; Entre a razón e a pel, de Nuria Ruibal; a intervención que fixo Florian Slotawa, Studio Box, que se enmarcaba dentro de A Cidade Interpretada; así como Poesía suspensa, ou actividades de Curtocircuíto, o MACC e o Festival dos Abrazos. Ademais, contén un DVD que recolle unha entrevista con Antía Moure e outra con Nuria Ruibal, que axudan a comprender e complementan as súas obras.

Ana Amado, comisaria da mostra de Ruibal, corroborou as palabras da concelleira asegurando que as posibilidades dun artista de pensar unha intervención para un espazo concreto eran moi poucas, e asegurou que iso era "unha experiencia emocionante e moi interesante". Para ela e para Nuria, a artista que comisariou e que non puido estar presente por estar montando unha exposición en Almería, intervir na Zona "C" foi "un reto creativo e unha experiencia única", polo que lle desexou a sala unha longa vida xa que, asegurou, "espazos así son imprescindibles para o mundo artístico".

Pola súa banda, Paulo Rodríguez destacou que o espazo está xa consolidado, pois non chegan só propostas de novos creadores, senón que tamén se reciben propostas de creadores xa consagrados que queren intervir na Zona "C", o que vén a dicir moito da relevancia que está a ter esta "pequena xoia que temos no corazón de Compostela". Rodríguez aproveitou para lembrar que está aberto o prazo de entrega de propostas para os VII Premios Auditorio de Galicia para novos artistas, polo que convidou a todos os mozos e mozas galegas a que presenten as súas pezas.

Compartir: