MOBILIDADE

Os aparcadoiros públicos rexistraron 73.000 vehículos máis en 2010 que no ano anterior

17/03/2011 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, presentou os datos dos tres estacionamentos públicos xestionados por Tussa durante 2010: aparcamento e dársena de Xoán XXIII e Belvís. En total, o incremento no número de vehículos respecto ao ano 2009 foi de 73.196, destacando os 10.862 autobuses máis que entraron na dársena.

Polo aparcadoiro vixiado de Xoán XXIII pasaron 186.055 vehículos en 2010, o que supón un incremento de 54.007 vehículos respecto a 2009 e de 20.036 en relación ao anterior Xacobeo de 2004. Cómpre salientar que non se computan no total de rotacións os datos do aparcafácil, que sumou 4.450 horas.

O concelleiro destacou a solución integral que ofrece este estacionamento para a mobilidade no seu contorno. Así, puxo como exemplo as consignas instaladas como apoio, utilizadas por 290 usuarios, ou o estacionamento de bicicletas, empregado por 734 usuarios.

67.000 vehículos en Belvís
O aparcadoiro de Belvís foi utilizado para o estacionamento de 67.307 vehículos. Isto representa un incremento de 8.334 automóbiles. Non obstante, Nieves quixo recalcar que neste caso non cómpre aplicar o efecto Xacobeo, polo que se mantivo o público obxectivo dos últimos anos. Recordou que este estacionamento ten 118 prazas e 69 abonados nas diferentes opcións (nocturno, diúrno, de mañá, de tarde e 24 horas).

A utilización doutros produtos do aparcadoiro, como a tarxeta aparcafácil ou o 30 minutos de balde para os pais dos alumnos dos centros escolares do entorno, axudaron tamén a que este medrara un 24% dende que Tussa se fixera cargo da súa xestión en 2004. O aparcafácil supuxo neste estacionamento 24.074 horas facturadas.

Efecto Xacobeo na dársena de Xoán XXIII
Finalmente, na dársena de Xoán XXIII rexistráronse 21.022 vehículos, 10.862 máis en que en 2009 (un 107% máis). Neste caso, o concelleiro de Transportes salientou a incidencia clara do Ano Santo na chegada de máis autobuses para deixar viaxeiros nas proximidades da Cidade Histórica.

Compartir: