TRANSPORTES

Case 7,5 millóns de viaxeiros empregaron o transporte urbano durante o 2010

17/03/2011 As 24 liñas do transporte urbano foron utilizadas en 2010 por un total de 7.482.693 viaxeiros, segundo indicou en rolda de prensa o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves. Estas cifras supoñen un descenso do 1,80% respecto a 2009 (136.824 viaxeiros menos), o cal contextualizou no marco da baixada xeral do conxunto do país e do retroceso das liñas afectadas polas obras.

Nieves indicou que, segundo reflicte o Instituto Nacional de Estatística (INE), en España produciuse un descenso do 1,1% no número de usuarios do transporte público. Santiago non é allea a esta tendencia, ao igual que outras cidades galegas, que rexistraron baixadas similares.

Xa entrando a valorar os datos concretos de Compostela, o concelleiro recordou que os días 8 e 9 de xaneiro a penas funcionou o transporte debido á neve, e que os servizos se reduciron aos mínimos con motivo da folga xeral de setembro. Todo isto supuxo aproximadamente 44.398 viaxeiros menos.

Obsérvase tamén unha baixada xeneralizada naquelas liñas afectadas polas grandes obras realizadas en 2010. Como exemplo, Nieves puxo a liña 4, que perdeu preto de 70.000 usuarios, e as liñas 13, C2, C4 e Figueiras (debido á remodelación das rúas Galeras e Salvadas). Algo parecido aconteceu coas liñas C5 e C6, neste caso por mor das obras de acondicionamento dende a rúa de Amio ata o polígono da Costa Vella. Así, descartando as liñas afectadas polas obras, os datos serían positivos nun 1,03%.

En calquera caso, as principais liñas da rede de transporte urbano (1, 5 e 6), presentan datos positivos. A liña 1 foi utilizada por 1.274.290 pasaxeiros, a 5 por 1.181.068 e a 6 por 1.284.962.

O billete sinxelo, superado polo bono ordinario
O edil tamén quixo resaltar a evolución producida en canto aos títulos de viaxe empregados. A consecuencia das políticas de fidelización, o bono ordinario supera xa o billete sinxelo. As viaxes con bono supuxeron o 28,34% do total, fronte ao 25,20% do uso do billete sinxelo. Os viaxeiros bonificados sumaron o 27,01% das viaxes.

Outro dato a ter en conta e o número de visitas á web de Tussa, que alcanzou as 105.000. Tamén se recibiron 500 consultas a través da web ao servizo de mobilidade.

Dez novos paneis informativos
Na mesma rolda de prensa deuse conta dos asuntos tratados no último Consello de Administración de Tussa, entre os que destaca a aprobación do subministro de dez novos postes electrónicos informativos, que sumarán aos 12 recentemente postos en marcha. Os novos paneis situaranse en Virxe da Cerca-Praza de Abastos (dirección norte), Senra (dirección sur), República Arxentina (dous), Hórreo (cruce con Gómez Ulla), Rosalía de Castro (cruce con Romero Donallo), San Roque (un dirección norte e outro dirección sur), rúa París-Centro Comercial e avenida de Castelao-Centro de saúde (dirección centro da cidade).

Na sesión tamén se adxudicou o servizo de xestión e mantemento do sistema de aluguer de bicicletas por un ano prorrogable. Ademais, aprobáronse os pregos e iniciáronse os concursos para contratar os servizos de limpeza e de seguridade da estación de autobuses.

Documentos relacionados



Compartir: