MEDIO AMBIENTE

Os alumnos do Monte dos Postes plantarán máis de 200 árbores no parque das Cancelas

16/03/2011 Coa chegada da primavera e momento tamén de celebrar, como todos os anos, o Día da Árbore e o Día da Auga. As actividades, que como vén sendo habitual, estarán protagonizadas por escolares de primaria, centraranse este ano no parque das Cancelas, o propio día 21, se a climatoloxía non o impide, segundo explicou a concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, nunha conferencia informativa na que estivo acompañada por Paula Piñeiro, de Aquagest, e por Luís Incera, de Cespa, responsables en Santiago de cada unha das empresas concesionarias.

Elvira Cienfuegos explicou como "o 21 de Marzo celébrase o Día Forestal Mundial, unha data instaurada pola FAO en 1973 que viña a dar continuidade e globalidade á celebración do Día da Arbore, unha tradición, que, iniciada en Mondoñedo no século XVI, tíñase estendido por moitas partes do mundo". A edil insistiu tamén en que o obxecto é "por de relevo o valor e a importancia das árbores e estimular actitudes positivas cara elas". "As árbores protexen o solo e os ríos, reciclan a auga, limpan o aire e proporciónannos osíxeno. Conforman paisaxes e moderan as variacións climáticas. E dannos madeira, froitos, fibras,… Ademais este 2011 foi declarado Ano Internacional dos Bosques pola súa importancia no desenvolvemento sostible do planeta", engadiu.

"E ao día seguinte, o día 22 de Marzo, por decisión da ONU en 1993, celébrase o Día Mundial da Auga, que determinou tamén o período 2005-2015 decenio internacional para a acción A auga fonte de vida. Cada ano muda o lema desta campaña; e se o ano pasado foi a calidade da auga, este ano o lema é a auga nas cidades", explicou a concelleira do Medio Ambiente.

Xardín remodelado
Cienfuegos describiu o acto central da celebración destas dúas datas sinaladas, que consistirá nunha plantación de árbores polo alumnado, e unha actividade directamente relacionada coa auga ademais da súa utilización no rego das árbores recen plantadas. Nesta ocasión a plantación realizarase no parque das Cancelas, onde ademais se inaugurará a remodelación dun pequeno xardín conformado no alto do parque onde antes houbo unha área de xogo infantil.

"A superficie case triangular limitada por muretes está sendo transformada nun pequeno xardín xeométrico ao que se vai incorporar unha canle de auga recirculante que se inaugurará nese mesmo día", explicou a concelleira. "O alumnado do CEIP Monte dos Postes plantará uns 200 exemplares de distintas especies de árbores formando pequenos bosquetes nas pezas delimitadas por camiños: nunha das pezas plantaranse bidueiros, noutra freixos, faias, carballos e capudres, árbores estas que dan acios de froitos abondosos que van pasando do verde ao amarelo e ao encarnado e que perduran tempo na árbore", comentou.

Todos os participantes, dixo, "recibirán unha camiseta conmemorativa, gorras, ademais de trípticos, marcapáxinas alusivos, vasos e por suposto o bocata".

A Concellería quere tamén facilitar que estes Días Mundiais se celebren en todos os centros educativos do concello e por iso "facilitaranse materiais (carteis, trípticos,..) a cada centro e se fose do seu interese tamén se lles facilitará algún exemplar de árbore para a súa plantación. Ademais de, como é habitual pór á súa disposición a oferta de actividades de Educación Ambiental organizadas polo Concello, e as visitas aos parques e roteiros por Santiago, que, como cada primavera, se ofertan desde a Concellería de Medio Ambiente coa colaboración de CESPA".

Consumo responsable da auga e necesidade das árbores
Pola súa parte Paula Piñeiro, responsable de Aquagest en Santiago, salientou que "as campañas de concienciación para o consumo responsable que vimos desenvolvendo conxuntamente coa Concellaría do Medio Ambiente teñen tido xa os seus resultados positivos, xa que se puido observar unha redución no consumo de 20 litros por persoa ao día, o que valoramos moi positivamente". O responsable de Cespa, Luís Incera, quixo facer tamén fincapé "na importancia das árbores como axentes fixadores do dióxido de carbono, elemento responsable da mudanza climática", destacando que "unha árbore pode fixar ata 3 quilogramos de dióxido de carbono ao día".

Para concluír, Elvira Cienfuegos lembrou que as actividades dese día "aínda que están centradas e orientadas cara o alumnado, son abertas ás participación de toda a cidadanía e especialmente da veciñanza do parque", agardando contar coa presenza de veciños e veciñas, como é habitual nestes actos.

Documentos relacionados



Compartir: