EDUCACIÓN

Contos para todos, obradoiros, exposicións e encontros con creadores na XI Campaña Municipal de Animación á Lectura

14/03/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, acompañada polo xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, inaugurou a XI Campaña de Animación á Lectura. Ata o 30 de abril estará en marcha un amplo programa de contacontos, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actividades formativas, encontros nas escolas infantís, sesións de contos para bebés, contos con música e exposicións.

O programa inclúe unha serie de actividades diarias, a desenvolver na Galería Sargadelos e destinadas aos centros de educación infantil e primaria. Realizaranse sesións de contacontos, visitas guiadas á exposición e dous tipos de obradoiros.

Nun destes talleres, de ilustración, Óscar Vilán achegará aos máis pequenos ao proceso de creación dun libro ilustrado. No outro, de escrita creativa, os escolares aproximaranse á creación literaria a partir do libro Compostela, de David Pintor. Tamén haberá obradoiros de escrita a cargo de Alberto Barreiro "Warren"

Para os máis pequenos haberá actividades nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre e Tras Parlamento. Alí manterán encontros co ilustrador Pablo Otero.

Encontro con Roberto Innocenti e actividades abertas
No eido formativo salienta a presenza en Compostela do ilustrador Roberto Innocenti. Manterá un encontro con profesores, bibliotecarios e especialistas nun acto que se celebrará na Fundación Caixa Galicia o 7 de abril.

O programa complétase cunha serie de actividades abertas, como as sesións de contacontos para bebés Do berce á lúa, o 2 de abril na Galería Sargadelos. Os contos e a música para as familias tamén terán unha sesión específica o 9 de abril.

A XI Campaña de Animación á Lectura clausurarase o 30 de abril cunha actividade especial. Nenos, pais e profesores compartirán unha sesión con contos, música e algunha sorpresa máis, acompañados polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
Cómpre recordar tamén que, no marco desta Campaña, o 8 de abril darase a coñecer polo xurado o nome do traballo gañador do IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

Compartir: