CULTURA

Celébrase o 50 aniversario da Agrupación Cultural O Galo cunha exposición

14/03/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a exposición conmemorativa dos 50 anos da Agrupación Cultural O Galo, que se inaugura o martes 15. Fíxoo acompañada do presidente do Galo, Óscar Fernández Refoxo, e do presidente da Fundación 10 de Marzo, Ricardo Gurriarán. A mostra estará aberta ata o 19 de abril no local do Galo (praza de San Miguel, 5-baixo) en horario de 18:30 a 21:00 horas.

A Agrupación Cultural O Galo celebra o seu 50 aniversario e para celebralo, a Fundación 10 de Marzo coa colaboración da Concellaría de Cultura e da propia Agrupación preparou unha exposición sobre a súa historia. A mostra, baixo o título A primeira década do canto do galo, xira arredor dos primeiros 10 anos de traxectoria da agrupación. A concelleira de Cultura loubou o traballo desta asociación e destacou a importancia que ten que outra entidade, neste caso a Fundación 10 de Marzo, así o recoñeza e traballen xuntas para celebrar a efeméride.

Ricardo Gurriarán, director da Fundación 10 de Marzo resaltou esta colaboración agradecendo ao equipo que preparou esta mostra o seu traballo, así como ao actual secretario do Galo, Marcos Maceiras, pola súa disposición total neste traballo. Gurriarán destacou o papel de grande importancia que tivo O Galo na súa primeira etapa, intervindo na sociedade para poñer no seu lugar a lingua e a cultura galegas. Convidou a todos os composteláns e compostelás a que asistan a esta mostra xa que, ademais de facer un repaso dos primeiros pasos do que el chamou "ferramenta da sociedade civil organizada de suma importancia", tamén asistirán á historia da propia cidade.

Pola súa banda Óscar Refoxo, presidente do Galo, destacou que "aínda que estes non son tempos tan escuros coma os do Franquismo, nos que O Galo naceu, o certo é que se asemellan en moitas cousas", polo que considera necesario que a sociedade se organice e "reflexione sobre o que está a suceder coa nosa lingua e a nosa cultura na actualidade". E precisamente iso é para el un dos obxectivos desta mostra.

Compartir: