CONSORCIO

Constituída a Comisión para o seguemento do programa e actuacións do Plan Director da Catedral de Santiago

11/03/2011 Na sede do Consorcio de Santiago quedou constituída a Comisión do Plan Director da Catedral de Santiago, formada pola directora xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, María Ángeles Albert de León; o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel; e o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A Comisón nace ao abeiro do Consorcio de Santiago, órgano interadministrativo participado polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, que ademais é o órgano que está a xestionar as aportacións feitas polas entidades privadas que participan como patrocinadoras na conmemoración do oitavo centenario da consagración da Catedral.

A Comisión do Plan Director da Catedral de Santiago será a encargada de determinar as prioridades de actuación na Catedral no que se refire a obras de restauración e mantemento, de conformidade cos recurso captados polo Consorcio de Santiago e seguindo as previsións do Plan Director. Tamén fixará as condicións económicas e administrativas de realización das distintas actuacións. Ademais, a Comisón executará a posta en funcionamento dunha Oficina Técnica da Catedral de Santiago, conformada por un equipo de especialistas que garanticen o desenvolvemento dos proxectos con eficacia e rigor.

O oitavo centenario da Catedral de Santiago de Compostela é un evento recoñecido como de excepcional interese público polo Goberno de España. Neste sentido, a Lei 49/2002 sobre incentivos fiscais ao mecenazgo permite que un órgano interadministrativo, como é o Consorcio de Santiago, lidere o programa de apoio ao evento. Este programa de apoio concrétase nunha serie e incentivos e bonificacións fiscais que se aplicarán ás empresas e entidades privadas que participen como patrocinadores no desenvolvemento da conmemoración, que xirará sobre dous eixes: o financiamento de obras de restauración contempladas no Plan Director da Catedral e unha programación cultural específica, que será presentada o martes 15 de marzo.

O Plan Director da Catedral de Santiago
O Plan Director da Catedral de Santiago, destinado a regular todas as obras a executar na conservación do conxunto arquitectónico da basílica xacobea, ten o seu inicio en 2005, cando a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Cabildo da Catedral asinan un convenio de colaboración. Tralas determinacións preliminares, o Plan foi aprobado finalmente polo Concello de Santiago o 27 de outubro de 2009. O plan establece un programa de actuación que contempla intervencións prioritarias, outras secundarias e actuacións de remate en fachadas, cubertas e torres, entre outras, por un importe total de 24 millóns de euros.

Compartir: