ALCALDÍA

A rúa Torreira gaña novas beirarrúas e prazas de estacionamento

13/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado polo concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, visitou as obras de reurbanización realizadas na rúa Torreira, financiadas no marco dos Fondos Estatais para o Emprego e a Sostibilidade Local. Esta intervención permitiu darlle unha apariencia urbana ao vieiro -que agora é de sentido único- creando beirarrúas e 32 prazas de estacionamento.

Esta actuación non estivo exenta de dificultades, coma un desprendemento que obrigou a construír uns muros de contención. Isto demorou a obra, polo que foi necesario solicitar unha prórroga para a mesma.

En si mesma, esta rúa xa presentaba dificultades pola súa irregularidade, con distintas anchuras ao longo dos seus aproximadamente 400 metros. Outra dos problemas máis complexos eran as infraestruturas para a recollida de augas pluviais, que foron cambiadas, ao igual que a rede de iluminación.

Nunha das marxes da rúa, de sentido único, situáronse as beirarrúas. Na outra, as 32 prazas de estacionamento –ata agora non existía ningunha-, entre as que se alternaron árbores. O carril para os vehículos ten unha anchura de 3,5 metros e construíuse con asfalto brando, que evita o ruído.

Compartir: