ALCALDÍA

Salgueiriños mellora a súa calidade visual, ambiental e de accesibilidade

12/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitaron as obras de recuperación do río Corgo e do parque de Salgueiriños, realizadas por 515.373 euros con cargo ao Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. A actuación supuso unha gran mellora da calidade ambiental no ámbito de Salgueiriños e da súa zona de influencia.

As obras supuxeron unha mellora da calidade visual, ambiental e paisaxística do barrio de Salgueiriños, así como da accesibilidade e seguridade viaria. Con esta intervención, a anterior praza asfaltada de 24.000 metros cadrados fica agora reducida a 12.000, nos que se habilitou un espazo suficiente e adecuado para o mercado tradicional dos xoves. Definíronse 228 postos de 5,70 x 5 metros, con corredores de 3,5 m, nunha distribución máis apropiada para a compra-venda, similar á doutros mercados da zona.

A nova zona verde de mais de 10.000 metros cadrados, de superficie irregular, conta cunha pequena carballeira que lembra á prevista no plan parcial de Gallego Jorreto e cunha zona con céspede e árbores atravesada por camiños, dende a que se pode acceder ao mercado. Varias pontes de madeira e unha lagoa realzan o protagonismo do río Corgo na súa volta á superficie despois de varias décadas sepultado pola explanada do antigo mercado de gando.

Características da intervención

• Recuperouse o curso e o proceso fluvial do río Corgo, retirando a capa de recheo e asfalto, deixando á vista a circulación da auga, fixando as beiras coa vexetación propia da ribeira e conformando ao seu arredor unha zona verde, dando así continuidade o curso do río e ao actual parque dos Salgueiriños.

• Pola propia zona verde, deuse continuidade á beirarrúa da rúa Manuel María, de xeito que se mellorou a seguridade peonil.

• Introduciuse unha zona arborada no límite da praza coa rúa de Melide e facilitouse a conexión entre a praza e a rúa, antes impedida polo desnivel e a bionda.

• Conformouse unha zona verde, carballeira, no límite co actual parque, avanzando así no definido no plan parcial.

• Deixouse contra a rúa de Melide unha praza, para aparcamento, mercado dos xoves e outros usos, establecendo puntos de acceso a ela dende a propia rúa de Melide, dende a zona verde, dende a rúa de Manuel María e dende o aparcamento contiguo, que está a unha cota máis baixa.

Compartir: