ALCALDÍA

O Castiñeiriño fai memoria da súa historia

12/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu no Centro Sociocultural "Agustín Bueno" do Castiñeiriño á proxección do documental A memoria do Castiñeiriño. O documental recupera a memoria deste barrio, con testemuñas veciñais.

Este documental é unha iniciativa dos veciños que tardou dous anos en gravarse. No filme recóllense diferentes testemuñas veciñais. Hortensia Otero, Carmen Franqueira, María Nieves e Santiago Vidal son algúns dos protagonistas do documental.

O filme coincide no tempo coa exposición A memoria da xente, que recupera a memoria dos barrios composteláns. A mostra estreouse no Castiñeiriño e circulará de forma itinerante polos distintos centros socioculturais.

A memoria da xente quere continuar e potenciar as diferentes iniciativas relacionadas coa memoria viva da cidade, como no seu momento se fixo coas mostras de "A historia vai por barrios". A exposición aborda o conxunto da cidade desde 1900 ata 1975, e pretende mostrar as historias de vida a través das xentes, dos oficios, do lecer, das transformacións urbanas, etc.

Compartir: