EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música abre as súas portas ás familias da rede de escolas infantís

12/03/2011 Preto dun cento de familias con nenos das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas, Tambre e San Roque participaron nunha actividade de educación musical. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, aproveitou esta sesión especial para valorar o traballo realizado arredor da promoción da música dende as idades máis temperás e afirmou o compromiso de "continuar esta liña de traballo en rede entre os diferentes servizos municipais, que fan crible e enchen de contido o desexo dunha cidade educadora".

As familias, ademáis de realizar unha visita guiada polas diferentes instalacións do centro educativo musical, na que poideron coñecer as características do proxecto musical da escola, a dotación instrumental e o equipo pedagóxico, recibiron información sobre como realizar o proceso de matriculación na mesma.

Ao remate, no salón de actos, as familias tiveron a ocasión de ver o traballo realizado nos últimos meses nas escolas infantís, onde as educadoras estiveron traballando no desenvolvemento deste concerto familiar que leva por título A familia redonda. Para rematar, celebrouse un concerto da orquestra de corda da Escola, que interpretou a música especialmente creada para este conto musical da familia redonda e unha peza de F. Haendel.

A alta participación das familias e as solicitudes das mesmas, fixeron que a Concellería de Educación se comprometera a realizar unha nova xornada de portas abertas nos vindeiros meses de maio e xuño, para que as familias, cos seus nenos e nenas, participen nunha sesión de musica e movemento que a propia directora da Escola anunciou.

Compartir: