ALCALDÍA

Os veciños de Rosalía de Castro e Choupana, satisfeitos coa súa nova avenida urbana

11/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo un encontro cos veciños de Rosalía de Castro – A Choupana, trala reurbanización do entorno e tres meses despois do seu remate. Foi momento para conversar sobre os cambios nesta vía, de 1,2 quilómetros de longo, que mudou radicalmente de aspecto, incorporando ademais novos servizos. O investimento final foi de 3,3 millóns de euros.

A obra non estivo exenta de dificultades, motivadas fundamentalmente polas diferentes rasantes e anchuras existentes, derivadas de edificacións non axustadas ao Plan actual e que databan de cando este vieiro era parte da N-550 entre Santiago e Vigo. Solucionados estes inconvenientes, este vieiro, convertido agora nunha avenida plenamente urbana, conta agora cun tratamento harmónico e integral.

Quedaron rúas dun ancho medio de 3,5 metros, para un total de 14.000 metros cadrados de beirarrúas. Nos tramos onde a anchura o permitiu, colocouse arborado. As obras permitiron incluso gañar espazo de aparcamento, aínda que se produciu unha redución de prazas, xa que se prohibiu o estacionamento en batería, co fin de gañar espazo para as beirarrúas e por seguridade. Tamén se aproveitou para renovar as redes de saneamento e abastecemento, e para soterrar todas as instalacións eléctricas e de telecomunicacións.

Ademais, instaláronse catro unidades de contedores soterrados, que se concentraron nos primeiros 800 metros da rúa. A nova iluminación, cun tratamento plenamente urbano, foi outro dos aspectos salientables da intervención. Finalmente, aproveitouse para reordenar as paradas de autobús e as zonas de carga e descarga.

Compartir: