COMERCIO

Constituída a Mesa Local do Comercio

11/03/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presidiu a constitución da Mesa Local do Comercio, reunida na Sala Circular do Auditorio de Galicia. Respóndese así ao requirimento remitido ao Concello pola Xunta de Galicia a comezos de febreiro, polo que se concedía un prazo de vinte días hábiles para a súa creación e remisión á Administración autonómica da acta de constitución.

A Mesa Local do Comercio actuará como órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre o Concello de Santiago e os axentes representativos do sector comercial. Reunirase como mínimo unha vez ao ano, convocada polo propio Concello ou no seu defecto pola Administración autonómica.

A composición da mesa vén definida no artigo 21 da Lei 13/2010 do Comercio Interior de Galicia, segundo o que formarán parte da mesma unha persoa representante de cada unha das asociacións locais de persoas comerciantes e de persoas consumidoras existentes no respectivo Concello e igual número de representantes da Administración local, así como unha persoa representante da Administración autonómica, esta última con carácter voluntario. Exercerá a secretaría a persoa designada para o efecto pola Administración local, que asistirá a Mesa Local do Comercio con voz pero sen voto.

Poderán formar parte das mesas locais das grandes cidades de Galicia, ademais das persoas anteriores, unha persoa representante das federacións de asociacións de comerciantes máis representativas da correspondente provincia e unha persoa representante da cámara oficial de comercio da correspondente demarcación. Neste suposto, incrementarase o número de representantes da Administración local ata igualar o número de representantes do sector comercial presentes na correspondente mesa local.

Na Mesa Local do Comercio do Concello de Santiago están representados a Cámara de Comercio; a Federación de Comercio da provincia da Coruña; a Asociación Área Empresarial do Tambre; a Fundación Santiago Centro, Área Comercial; a Asociación de Empresarios e Profesionais CCA Compostela Monumental; a Agrupación de Comerciantes de Santiago (ACOTES); Mercado de Abastos de Santiago, S. Coop. G; Ourives de Compostela; Unión de Consumidores Europeos de Galicia-Euroconsumo Galicia; Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia (ADICAE).

Así mesmo, forman parte da mesa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio; o Concello de Santiago, cos concelleiros e delegados das áreas de Urbanismo e Vivenda, Sanidade, Consumo e Mercados, Seguridade Cidadá e Circulación Viaria, Mobilidade e Transportes, Rehabilitación e Casco histórico, Obras e Infraestruturas, Participación Cidadá e Festas; e ademais unha representación por cada un dos grupos municipais.

Á sesión constitutiva acudiron María Esther Regueiro, en representación da administración autonómica; Miguel Agromayor (Federación de Comercio da provincia da Coruña); Manuel Iglesias (Cámara de Comercio); José María Fernández (Fundación Santiago Centro); José Ángel Blanco (Compostela Monumental); José Chaves (ACOTES); Marta Rey (Mercado de Abastos); Aurora Lamas (Euroconsumo Galicia); Miguel López (UCGAL); Mª Eugenia Mariño (ADICAE); Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo e Vivenda; Andrés Fariña, concelleiro de Sanidade, Consumo e Mercados; Marta Álvarez-Santullano, concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria; Carlos Nieves, concelleiro de Mobilidade e Transportes; Olga Pedreira, concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico; Bernardino Rama, concelleiro de Obras e Infraestruturas; Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas; Guadalupe Rodríguez, concelleira de Participación Cidadá; Socorro García Conde, en representación do BNG; Rosa Fernández, en representación do PSdeG e Cecilia Sierra, en representación do PP.

Compartir: