REHABILITACIÓN

Un millón de euros para a posta en valor do xacemento do Castelo da Rocha Forte

11/03/2011 O Concello vai asinar un convenio co Ministerio de Cultura para o estudo, recuperación e posta en valor do xacemento do Castelo da Rocha. A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, explicou en rolda de prensa a proposta de acordo que se remitirá ao Ministerio.

A edil salientou que "con esta dotación orzamental, de 1.000.000 de euros, poderemos acondicionar o xacemento, facelo visitable". "Estas actuacións poderán realizarse simultaneamente á redacción do Plan Especial, que xa está a facer o Consorcio de Santiago, e que definirá o ámbito e características do futuro parque arqueolóxico", engadíu.

Acompañada da arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro, a concelleira de Rehabilitación mostrou o programa de actuacións que pensan desenvolver a través do convenio. Olga Pedreira explicou como "estes traballos se dividen en tres grandes bloques de actuacións: traballos de acondicionamento previo; estudo, escavación e restauración; e difusión e posta en valor".

Actuacións a desenvolver
No primeiro dos bloques incluiríase uns traballos de acondicionamento, que consistirían na roza e desbroce da vexetación, na retirada da torreta eléctrica e no valado do xacemento. Xa dentro do segundo grupo de actuacións, "queremos avanzar no coñecemento sobre o xacemento e por iso propomos un estudo da documentación histórica existente, continuar coa escavación arqueolóxica do castelo e, de xeito paralelo, realizar un estudo dos paramentos para coñecer a tipoloxía e evolución construtiva. Ademais prevemos un tratamento e estudo dos materiais encontrados e, xa por último, disporémonos a restaurar e consolidar as estruturas do xacemento", explicou Pedreira.

Destacou tamén como moi importante o último dos bloques de traballos, "os que teñen que ver coa difusión e posta en valor do xacemento". Indicou que o Castelo será acondicionándo para a súa apertura ao público. Ademais, organizaranse visitas guiadas durante un período de dous anos, nas que se poderá observar tamén o proceso de investigación arqueolóxico, alén de seren guiados por monitores especializados. Co mesmo obxectivo, editarase un folleto-guía cunha linguaxe asequible e, a maiores, crearase unha páxina web que recolla esta outras informacións sobre o Castelo.

O Castelo da Rocha Forte
O Castelo da Rocha foi construído no ano 1240, sendo destruído, por primeira vez, durante as revoltas compostelás contra o bispo de Landoire. Reconstruído no ano 1319, foi de novo destruído en 1466, na terceira guerra irmandiña. Esta vez a fortaleza xa non foi reconstruída, servindo a súa pedra para a construción dunha fortaleza no Pico Sacro e dalgunhas casas próximas á actual Rocha Vella.

Pola súa localización, o castelo dominaba a antiga vía Santiago-Padrón e o antigo camiño de Noia, é dicir, controlaba todo o tránsito de mercadorías e persoas que entraban e saían de Santiago polo Sur e Suroeste. Ademais desta función de control, e da propiamente residencial, a fortaleza cumpría dous obxectivos defensivos importantes: por unha banda, defendía á cidade das ameazas exteriores e, por outra, defendía os seus donos da propia cidade, xa que en mais duna ocasión os arcebispos tiveron que refuxiarse aquí dos ataques dos seus súbditos.

As fontes documentais mais antigas referidas ao Castelo da Rocha describen o asentamento como unha fortaleza rodeada por tres murallas, cunha torre de homenaxe de catro andares, unha ermida e nove torreóns. O conxunto, delimitado por un foxo, dispoñía tamén de "dúas cabas" e unha "mina" que conducía ao río.

Compartir: