ALCALDÍA

O alcalde recalca o crecemento do aeroporto de Lavacolla en xaneiro e febreiro "sen ningunha axuda nin colaboración"

11/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou o crecemento, tamén en febreiro do aeroporto de Lavacolla. Ademais, destacou que o crecemento nestes primeiro bimestre do ano se produciu "sen ningunha axuda nin colaboración, cousa que non poden dicir os outros dous aeroportos, que reciben axudas dende xaneiro".

Sánchez Bugallo salientou que a pesar desta falta de axudas, o aeroporto compostelán situouse nunha cota de mercado en Galicia do 51%, por riba do 49% do pasado ano 2010. Cara o futuro, prognosticou un crecemento "moderado" para marzo e unha importante subida en abril, pola coincidencia da Semana Santa e pola recuperación dos voos internacionais dende o 27 de marzo.

Precisamente sobre a Semana Santa, manifestou a súa preocupación pola convocatoria de folga dos traballadores de AENA. Non obstante e á vista das conversas mantidas co presidente desta entidade, Juan Ignacio Lema, amosouse convencido de que se desconvocará este paro.

A tempo coa estación do AVE
Sobre a súa reunión esta semana co presidente de Adif, Antonio González Marín, en relación á futura estación do AVE, indicou que "estamos moi a tempo, pero debemos ir adiantando os prazos para que a estación poida estar lista a finais de 2015". Así e á espera da resposta sobre a proposta de desligar o deseño urbanístico da redacción do proxecto da estación, destacou tamén o bo ritmo das obras da entrada do AVE en Compostela.

Compartir: