CULTURA

Aberto o prazo de admisión de traballos ao VII Premio Auditorio para novos artistas

10/03/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a VII edición do Premio Auditorio de Galicia para novos artistas. Poderán participar artistas, individual e colectivamente, que cumpran os requisitos establecidos nas bases: que nacesen ou residan en Galicia e menores de 40 anos a 31 de decembro do 2011. Terán que presentar unha obra orixinal e inédita e teñen para facelo de prazo ata as 14:00 horas do venres 23 de setembro deste ano 2011.

Estes premios comezaron a celebrarse no ano 2001nun momento en que os creadores do noso país tiñan escasas oportunidades de apoios económicos e institucionais que lle permitisen traballar nos seus proxectos. Asentados e moi queridos dentro do panorama artístico galego, están dirixidos aos nados en Galicia e aos residentes menores de 40 anos a 31 de decembro de 2011.

Dende a concellaría de Cultura convídase a participar aos creadores en calquera disciplina na que estean traballando (fotografías, pintura, debuxos, instalacións, videoarte ou obxectos) e con iso, en palabras da concelleira, "temos unha mirada fresca do que acontece nesta xeración". Grazas a estes premios, asegurou García Conde, "gozamos coas obras dos creadores galegos máis novos, creadores emerxentes que contan tamén con outro importante equipamento, a Zona C, onde poden amosar proxectos específicos de intervención."

O xurado de expertos, diferente en cada convocatoria, selecciona as obras que forman parte da exposición e da publicación e os premios con dotación económica. Neste ano 2011 formarán parte do xurado: Isaac Díaz Pardo, artista e empresario; David Chao Castro, crítico e profesor de Historia da Arte, Facultade de Xeografía e Historia da USC; Silvia García, vicedecana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Agar Ledo Arias, responsable de exposicións do Marco, Museo de Arte Contemporánea de Vigo; Miguel von Hafe, director Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); a presidenta do Consello Reitor do Auditorio de Galicia ou persoa en que delegue como presidente deste xurado; e o director-xerente do Auditorio de Galicia ou persoa en quen delegue, que actuará como secretaria/o deste xurado.

En canto aos premios, hai un primeiro premio dotado con 6.500 euros; catro accésits dotados con 1.500 euros cada un; e un premio do público, resultado da votación das persoas asistentes á mostra, dotado con 1.200 euros.

A concelleira de Cultura quixo lembrar o nome dos primeiros premios das anteriores edicións: no 2001, Raúl Pereira (Pontevedra, 1977); no 2002, Lorena Gómez (Ourense, 1978); no 2003, Rubén Ramos Balsa (Santiago de Compostela, 1978), no 2005, Pablo Pérez Sanmartín (Vilagarcía de Arousa, 1980); no 2007, Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977), e no 2009, Holga Méndez (Pontevedra, 1971)

Compartir: