EDUCACIÓN

A Campaña de Animación á Lectura compón nesta XI edición un canto á creatividade

10/03/2011 A Campaña de Animación á Lectura chega á súa edición número XI, esta vez baixo o título da obra gañadora do III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, A Família C. Do 14 de marzo ao 30 de abril estará en marcha un amplo programa de contacontos, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actividades formativas, encontros nas escolas infantís, sesións de contos para bebés, contos con música e exposicións.

A Concellería de Educación e Kalandraka Editora, coa colaboración coa Galería Sargadelos, organizan esta nova edición da Campaña, que quere seguir sendo un elemento motivador para a lectura entre os máis novos. Ao mesmo tempo, continuará desenvolvendo unha conciencia crítica en torno á lectura e promovendo as tradicións e expresións orais en lingua galega como vehículo patrimonial.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, destacou o completo programa desta edición. En especial, destacou a participación dun dos "máis destacados ilustradores da actualidade", o italiano Roberto Innocenti.

Pola súa parte, o xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, indicou que a Campaña vai na liña de "formar futuros cidadáns, que sexan imaxinativos, pero tamén críticos". Definiu como un "canto á creatividade" esta edición, que aproveita a temática do circo de La Familia C con este fin. Así, as ilustracións relacionadas co circo e coa imaxinación serán as protagonistas da exposición preparada para esta ocasión.

Na liña dos últimos anos, a XI Campaña Municipal de Animación á Lectura agarda a asistencia de máis
de 5.000 nenos e nenas de Santiago e da súa bisbarra, máis os adultos que acudan ás actividades formativas e abertas ao público.

Contacontos, visitas guiadas e obradoiros
O programa inclúe unha serie de actividades diarias, a desenvolver na Galería Sargadelos e destinadas aos centros de educación infantil e primaria. Realizaranse sesións de contacontos, visitas guiadas á exposición e dous tipos de obradoiros.

Nun destes talleres, de ilustración, Óscar Vilán achegará aos máis pequenos ao proceso de creación dun libro ilustrado. No outro, de escrita creativa, os escolares aproximaranse á creación literaria a partir do libro Compostela, de David Pintor. Tamén haberá obradoiros de escrita a cargo de Alberto Barreiro "Warren"

Para os máis pequenos haberá actividades nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre e Tras Parlamento. Alí manterán encontros co ilustrador Pablo Otero.

Encontro con Roberto Innocenti e actividades abertas
No eido formativo salienta a presenza en Compostela do ilustrador Roberto Innocenti. Manterá un encontro con profesores, bibliotecarios e especialistas nun acto que se celebrará na Fundación Caixa Galicia o 7 de abril.

Roberto Innocenti (Florencia, 1940) é un dos ilustradores máis sobranceiros da actualidade, con libros como A historia de Erika, As aventuras de Pinocho ou La casa, editados por Kalandraka. De formación autodidacta, comezou a súa traxectoria artística aos 18 anos. Foi deseñador, grafista publicitario e cartelista. Os seus traballos ilustraron os textos de escritores tan senlleiros como Eta Hoffmann, Charles Perrault, Oscar Wilde, Christophe Gallaz ou Charles Dickens. Admirado en todo o mundo, recibiu os premios artísticos máis prestixiosos: a Mazá de Ouro da Bienal de Bratislava, a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York e o Premio Internacional de Ilustración Hans Christian Andersen en 2008.

O programa complétase cunha serie de actividades abertas, como as sesións de contacontos para bebés Do berce á lúa, o 2 de abril na Galería Sargadelos. Os contos e a música para as familias tamén terán unha sesión específica o 9 de abril.

A XI Campaña de Animación á Lectura clausurarase o 30 de abril cunha actividade especial. Nenos, pais e profesores compartirán unha sesión con contos, música e algunha sorpresa máis, acompañados polos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música.

IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
Cómpre recordar tamén que, no marco desta Campaña, o 8 de abril darase a coñecer polo xurado o nome do traballo gañador do IV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

Documentos relacionados



Compartir: