CULTURA

O Centro Coreográfico Nacional de Caen presenta "Manta", sobre o veo islámico

09/03/2011 O ciclo SCQ Danza, que organiza a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, ten unha nova cita no calendario o venres 11 de marzo. Nesta ocasión será co Centro Coreográfico Nacional de Caen/Baixa Normandía (Francia), que presenta o seu espectáculo Manta, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal.

Este é o segundo dos sete espectáculos que a Concellaría ofrece este semestre dentro do programa SCQ Danza, dedicado á danza contemporánea. A pesar da crise e das reducións orzamentarias, o ciclo mantén a calidade e mesmo incrementa a oferta de espectáculos con respecto ao ano anterior.

O Centro Coreográfico Nacional de Caen trae ao Principal Manta, da coreógrafa Héla Fattoumi, unha coreografía sobre o veo islámico e o sometemento das mulleres no mundo árabe. "Nos dez últimos anos, o uso do hijab, profusamente comentado nos medios, foi para min, que xamais cumprín co deber de someterme a el, unha oportunidade para afondar en cuestionamentos moi complexos. Atrevinme a comprar unha destas vestimentas, púxena, metinme no seu interior para sentir. As sensacións invadíronme, guiáronme, leváronme. Ser inmóbil, atreverse cun aceno, un desprazamento, unha danza... Souben que debía procurar, explorar co corpo: entendín que estaba preparada para buscar un xesto artístico a partir desa vestimenta." Son palabras de Fattoumi, a coreógrafa xunto con Eric Lamoureux. Traballan xuntos desde 1988 e na actualidade dirixen o Centro Nacional Coreográfico de Caen.

Sete espectáculos de danza contemporánea
SCQ danza leva achegado a Compostela figuras internacionais consolidadas da danza e as propostas coreográficas máis anovadoras que procuran fomentar o gusto pola arte en movemento dos composteláns, ademais de promocionar e dar pulo ás compañías coreográficas do noso país. A compañía Mopa inaugurou esta edición do ciclo o pasado 18 de febreiro. O 17 de marzo será o momento de Métanse nos seus asuntos, o primeiro espectáculo da Compañía Nuria Sotelo e, en abril, o 29, Traspediante presenta Habelas, unha peza escénica multidisciplinar, con música en directo, proxeccións audiovisuais e maxia.

Maio será o mes de Slovaks Dance Collective, unha das poucas compañías profesionalizadas de Eslovaquia que conta con seis membros da mesma familia. Chegan a Compostela grazas a un acordo entre diferentes programadores españois e traen dous espectáculos no peto: Within (Dentro, o 4 de maio) e Journey home (Viaxe a casa, o 5 de maio). A última representación da temporada correrá a cargo de Experimentadanza, coa peza Inoxidable, unha metáfora que compara as relacións humanas cunha materia orgánica.

Compartir: