ALCALDÍA

O primeiro edificio rehabilitado da ARI de Vista Alegre xa conta co seu novo elevador

09/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, visitou as obras da ARI (Área de Rehabilitación Integral) de Vista Alegre. En concreto, puideron comprobar o estado da actuación no primeiro dos edificios rehabilitados, o número 6 da rúa Santa Uxía de Ribeira.

Este edificio xa ten instalado o seu novo ascensor exterior, agora en período de probas. Tamén se están rematando as escaleiras interiores e a rehabilitación da fachada. A piques de rematar as obras neste bloque, outro deles, o nº 2 da rúa Boiro está tamén obras. Ademais, outros novo bloques teñen iniciado o seu proxecto técnico e seis máis están en trámites.

A este respecto, o alcalde compostelán indicou que o inicio das obras na ARI tardou, pero que, unha vez posto en marcha o primeiro edificio "é máis doado poñer a funcionar os demais". Neste sentido, a concelleira de Rehabilitación destacou o "traballo de concienciación e de información que se desenvolveu ao longo de anos ata chegar a este punto".

A ARI de Vista Alegre
O 17 de abril de 2006, a entón Consellería de Vivenda e Solo acordou declarar o polígono de Vista Alegre como Área de Rehabilitación Integral (ARI) con base nunha solicitude do Concello de Santiago. As actuacións de rehabilitación incluídas na memoria-programa priorizan a accesibilidade (elevadores e escaleiras…), a envolvente (cuberta e fachadas) e os servizos básicos, sobre outro tipo de actuacións interiores.

Na ARI tamén se contempla a reurbanización das rúas, incluíndo unha mellora das rasantes e unha nova pavimentación, entre outras actuacións no espazo público que sempre estarán estreitamente vinculadas á accesibilidade. O polígono de Vista Alegre foi construído en tres fases, entre 1970 e 1971 construíronse 30 edificios con 480 vivendas, en 1978 outros 5 edificios e 80 vivendas e xa en 1987 foron 12 edificios e 192 vivendas. Todas os pisos da primeira e segunda fase carecen de elevadores, isto é, 560 vivendas do total das 752 do polígono.

O desenvolvemento da ARI implica a dotación, mediante convenios coas administracións públicas, de 5.390.000 euros en dúas fases. Na primeira fase contémplanse 200 actuacións de Rehabilitación nas que Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Ministerio de Fomento financian un 45% dos custos, achegando 1.800.000 €; nesta fase tamén se contempla unha reurbanización do espazo público a realizar con achegas de 180.000 € (25%) por parte do Ministerio, 270.000 € (30%) da Consellería, e 450.000 € (45%) do Concello.

Na segunda fase serán 20 actuacións de rehabilitación igualmente financiadas nun 45% por Consellería e Ministerio con 180.000 €. A reurbanización nesta fase será financiada nas mesmas proporcións que a primeira fase, por parte do Ministerio, Consellería e Concello, ascendendo o custo total das obras a 90.000 €.

Compartir: