BENESTAR SOCIAL

Unha cadea humana chamará a atención sobre o papel dos riles na aparición das enfermidades cardiovasculares

09/03/2011 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, e o coordinador en Santiago da Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (Alcer-Coruña), Manoel Bello, presentaron os actos con motivo do Día Mundial do Ril, que se celebra mañá xoves, 10 de marzo. Unha cadea humana e varios puntos de información chamarán a atención nesta ocasión sobre o papel dos riles na aparición das enfermidades cardiovascualres.

Ás 17:00 horas sairá da Alameda e chegará ata a praza do Obradoiro unha marcha ou cadea humana, cunha cinta de máis de 100 metros que simboliza un electrocardiograma. Servirá para chamar a atención sobre un aspecto descoñecido pola maioría da xente: o importante papel que xogan os riles na aparición de enfermidades cardiovasculares. Por iso, a mensaxe este ano é "Protexendo os teus riles, coidarás o teu corazón". Ao remate da marcha lerase un manifesto.

Mar Martín convidou os composteláns a participar neste acto e agradeceu o traballo que Alcer realiza na "difusión e prevención" en torno ás enfermidades do ril, das que recordou o grao de "morbilidade e cronicidade" que en moitos casos levan aparelladas. Pola súa parte, Manoel Bello indicou que a entidade conta na provincia con máis de 600 asociados e fixo especial fincapé en que "non decaia a doazón de órganos".

A redor do 30% das mortes en todo o mundo e o 10% das perdas de saúde para o resto da vida son debidas á enfermidade cardiovascular, segundo a Organización Mundial da Saúde. En España, as enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte. A presenza de enfermidade renal crónica (ERC) aumenta significativamente o risco dun evento cardiovascular, independentemente doutros factores de risco como a diabete ou a hipertensión.

Un de cada dez adultos en España ten algún grao de enfermidade renal, e a maior parte deles non o saben. A ERC é en si mesma un potente factor de risco cardiovascular, xa que a enfermidade cardiovascular incide de 20 a 30 veces máis en pacientes con ERC. Por outra banda, varias investigacións en voluntarios/as cunha idade media de 45 anos demostraron que o risco de infarto de miocardio, accidente cerebrovascular e mortalidade por calquera causa duplicábase cando tiñan ERC.

Alcer realizará ademais unha campaña de prevención da enfermidade cardiovascular e promoción da saúde, colocando unhas mesas informativas ao longo do percorrido da marcha, no Casco Histórico, nas que enfermeiros/as medirán de balde a tensión arterial e as pulsacións, e onde se poderá sacar o carné de doador/a de órganos e tecidos.

Compartir: