FESTAS

Un espectáculo do Colexio Vilas Alborada e outro procedente de Portonovo levan os premios principais do desfile do Antroido

08/03/2011 Milleiros de santiagueses saíron á rúa para contemplar e participar no desfile do martes de Entroido, esta vez acompañado polo bo tempo. Máis de 1.500 disfraces, 25 comparsas, 12 carrozas e 46 disfraces de grupo, parella e individuais, conformaron unha comitiva que animou Compostela durante varias horas.

Nesta ocasión, os premios principais foron para Alborada Circus, do colexio Vilas Alborada, e para Malo será que Benedicto non volva, de Portonovo. Os primeiros levaron o primeiro premio de comparsas e o segundo de carrozas, mentres que os segundos gañaron o galardón de carrozas e quedaron segundos na categoría de comparsas.

O desfile contou con 12carrozas de animación, que loitarán polos premios e dúas composicións invitadas pola organización: Os da Caña de Marín, que encabezaron o desfile cunha formación de 70 persoas con vistosos traxes e carrozas, e o grupo Samba Brasil, cunha carroza de fantasía carioca con música e ritmos de samba e batuka. Ademais, no desfile participaron as tradicionais comparsas dos barrios da cidade: A Ruliña de Laraño, Os Conformistas de Conxo e Os Garanduxos.

Pero a gran atracción foron as comparsas. Entre todas elas a máis numerosa foi a gañadora, do Colexio Vilas Alborada, formada por 250 alumnos, pais e nais e profesores. Outro dos participantes de nivel foi unha agrupación de Louro (Muros), que presentou o espectáculo A que faltaba!, cun total de 104 persoas que formanan parte da comparsa e da carroza. De Sanxenxo chegaron Os Marchosiños viaxan a Cuba, con 80 membros. E finalmente, entre as comparsas máis numerosas destacaron Os Conformistas de Conxo cunha Fantasía Veneciana recreada por 40 persoas.

Ademais, desfilaron comparsas e carrozas de Negreira, Pontevedra, A Barcala, A Coruña, Pontecesures, A Baña, Lalín, Teo, Valga, Ordes, Ames, Porto do Son, Padrón, Brión, Noia, Arteixo, Arzúa e Vedra. Ademais, a cidade de Santiago tivo unha ampla representación con espectáculos de varios centros socioculturais, as tradicionais comparsas xa citadas, o grupo Scout Khanhiwara, a Ludoteca Gazafello, a Asociación Folclórica Cultural Xirandaina, os Amigos de Chimpos ou a Agrupación Cantigas e Agarimos.

Estes e os demais premiados recibiron o seu recoñecemento no paseo central da Alameda logo do percorrido. A nota musical púxoa pola noite a orquestra Ismael.

O destino da Meca
O mércores de Cinza, darase a despedida ao Antroido coa tradicional queima da Meca na praza Roxa. Ás 20:00 horas concentrarase a comitiva fúnebre que acompañará ao Meco dende o Toural ata a céntrica Praza Roxa, facendo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador, ata rematar na praza Roxa, onde ás 21:00 horas será queimado. Acorde co pesar do momento, os acompañantes deberán lucir loito rigoroso, para despedir como é debido o Antroido. A Banda de Ponteceso e a agrupación Volta e Dálle conformarán o acompañamento musical e de rezos.

Documentos relacionados



Compartir: