TURISMO

Turismo de Santiago promociona o 800 aniversario da Consagración da Catedral e a Cidade da Cultura en Berlín

08/03/2011 Turismo de Santiago promocionará o 800 aniversario da Consagración da Catedral, a apertura da Cidade da Cultura de Galicia e o conxunto da oferta turística da cidade na ITB de Berlín, a feira sectorial máis importante de Europa, que se celebrará na capital xermana do 9 ao 13 de marzo. Na edición do 2010 esta feira recibiu 180.000 visitantes e tivo máis de 11.000 expositores de todo o mundo. Turismo de Santiago estará presente no stand de Turespaña.

Na axenda de Turismo de Santiago hai programadas reunións cos responsables das catro Oficinas Españolas de Turismo (OET) que hai en Alemaña: Munich, Frankfurt, Dusseldorf e Berlín, coas que se estudarán posibilidades de colaboración na promoción da cidade. Tamén haberá reunións con diversos intermediarios na comercialización turística, tanto alemáns coma doutros países, como por exemplo: Olimar, Bus Tourist (Chequia), Studiosus de Munich, Biblische Reisen, Mice Forums, Arrivalguides, Unterwegs Reisen, Volta, Reise Manufaktur, Ruefa Reisen (Austria) ou Sydhavsreiser (Noruega).

Alemaña está sendo un dos países do mundo que antes está saíndo da crise económica, cun importante desenvolvemento económico no 2010, que previsiblemente continuará nos vindeiros anos. Trátase dunha oportunidade de continuar consolidando o posicionamento de Santiago como destino de calidade nun mercado en crecemento, que actualmente xa é moi importante para a cidade.

Por exemplo, segundo os datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, Alemaña é dende o 2007 o país con maior número de peregrinos internacionais. No 2007 foron 13.837; no 2008, 15.746; no 2009, 14.789; e no 2010, 14.498. Alemaña tamén é o país con maior número de consultas internacionais na oficina de información de Turismo de Santiago: no 2009 foron 13.686 e no 2010 chegaron ás 16.679.

O aeroporto de Lavacolla recuperará a finais de marzo a conexión de Ryanair con Frankfurt, que no ano 2010 moveu a 36.349 pasaxeiros, segundo os datos de AENA. Ademais, durante todo o ano está en funcionamento a conexión de Air Berlin que, a través de Palma de Mallorca, conecta con diversas cidades de Alemaña e Europa Central, e que o ano pasado moveu a 120.235 pasaxeiros, segundo AENA.

Compartir: