ALCALDÍA

O alcalde considera a redacción do proxecto da estación do AVE sen o deseño urbanístico como a fórmula máis idónea

08/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, trasladoulle ao presidente de Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias), Antonio González Marín, a proposta de que se licite a estación do AVE de inmediato sen incluír no proxecto o desenvolvemento urbanístico da área. Sobre este tema falará tamén nos vindeiros días co ministro de Fomento, José Blanco.

"Nestes momentos considero que é a fórmula máis idónea para axilizar o desenvolvemento da estación do AVE, porque vexo que o proxecto urbanístico vaise demorar algún tempo e non está exento de certas complicacións e indefinicións que é preciso resolver", indicou o alcalde. Por isto, engadiu, "penso que o mellor é convocar o concurso para a redacción do proxecto da nova estación do AVE. Isto facilitaría que o resto do proxecto da zona se encaixe, dándolle prioridade ao que hai que priorizar, que é a propia estación do AVE".

A propósito dos prazos para a nova estación ante a chegada do AVE, indicou que "estamos nun prazo de tempo máis que razoable, tendo en conta que hai tomada unha decisión previa, que é a de habilitar provisionalmente a estación actual este mesmo ano", pero "tampouco temos un tempo sobrado como para perdelo". Neste sentido, recordou que a nova estación "debe estar lista no momento no que o AVE chegue de Madrid".

Compartir: