IGUALDADE

Un traballo sobre o papel das mulleres na defensa dos montes durante o Franquismo gaña o II Premio de Ensaio Xohana Torres

08/03/2011 O traballo O monte é noso. Conflitividade social no medio rural galego durante o Franquismo. O papel das mulleres na defensa dos montes veciñais en man común, de Araceli Freire Cedeira, gañou o II Premio de Ensaio Xohana Torres. O nome da gañadora deuse a coñecer nun acto presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e no marco das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller.

A esta segunda edición orientada ao ensaio do Premio Xohana Torres –antes galardoábanse unicamente os traballos de investigación- presentáronse tres estudos. De entre eles, o xurado escolleu o de Araceli Freire, quen destacou o papel dunhas mulleres, daquela "vetadas no espazo público", grazas ás cales "fóronlles devoltos moitas propiedades que lle foran arrebatadas durante o Franquismo".

A gañadora expresou o seu orgullo polo premio, o segundo que gaña tras facerse o ano pasado co Juana de Vega de novos investigadores. Para ela constitúe un estímulo para seguir investigando. A ese esa motivación tamén se referiu a concelleira de Igualdade, Mar Martín, que animou a homes e a mulleres a seguir traballando nestas investigacións sobre a muller.

A entrega deste Premio Xohana Torres é o primeiro dos actos organizados polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central celebrarase no Hostal dos Reis Católicos o xoves 10, ás 20:00 horas. Será unha homenaxe a oito mulleres que destacan en diversos ámbitos da sociedade.

Compartir: