XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo á licenza para máis de 200 vivendas en Pontepedriña

08/03/2011 Nunha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno aprobouse, entre outros asuntos, a concesión da licenza para máis de 200 vivendas no SUP-7 de Pontepedriña. Ademais, adxudicáronse as obras de acondicionamento dos centros socioculturais de Busto, San Xulián de Carballal, Enfesta, Villestro, A Trisca e Bando.

A licenza concedida permitirá a execución de catro bloques de edificios en cinco quinteiros do SUP-7 de Pontepedriña, destinados a 144 vivendas de protección autonómica e 22 unidades residenciais comunitarias. Tamén se contemplan 30 vivendas de protección autonómica concertada e outras 30 de prezo limitado.

Tamén en materia de urbanismo, acordouse establecer un prezo máximo de venda do metro cadrado construído de 1.840,14 euros para a zona residencial de aparthoteis do SUNP-17 do Paxonal. Ademais, limítase o prezo máximo do metro cadrado das prazas de garaxe, faiados e demais anexos ao 60% do prezo sinalado para as vivendas.

O Goberno local decidiu ademais resolver de mutuo acordo o contrato de redacción do plan de sectorización do SUND-39 do Campo de Bando. Así, estímase que non concorre causa de resolución imputable ao contratista e que está xustificado o interese público na finalización do contrato. Recórdase que a modificación do marco legal estatal e autonómico imposibilitou a realización do campo de golf nesta superficie.

Centros Socioculturais
A proposta da concelleira de Centros Socioculturais, adxudicáronse por 75.656 euros as obras de acondicionamento dos centros socioculturais de Busto (climatización), San Xulián de Carballal (fachadas, limpeza de cubertas, recollida de pluviais, vidros e illamento térmico), Enfesta (fachadas, canlóns, cubertas e vidros), Villestro (filtracións) e A Trisca (terraza, carpintería de vidro e humidades).

Tamén se realizarán actuacións no centro de Bando, neste caso adxudicadas por 61.898 euros. Aquí as obras teñen que ver con melloras nas fachadas, nas cubertas, na carpintería e nos cerramentos.

Seguindo neste ámbito, o Goberno local autorizou á Asociación Cantigas e Agarimos ao uso de catro aulas no antigo CEIP Ramón Cabanillas. E xa no eido de Cultura, aprobouse o convenio de colaboración do Concello co Padroado do Museo do Pobo Galego para 2011, por importe de 10.200 euros.

Benestar Social
Outro dos asuntos foi a toma en conta da sinatura da adhesión e aceptación expresa das obrigas e condicións que resulten do convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a realización de programas de protección e promoción da saúde. Segundo este documento, a FEGAMP recibirá e transferirá os fondos en nome e por conta da Xunta, correspondéndolle ao Concello de Santiago 703.791 euros, boa parte dos mesmos destinados ao funcionamento da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Educación
Ademais, aprobouse a XI Campaña Municipal de Animación á Lectura "A Familia C", cun orzamento de 25.281 euros. A titular do Departamento, Mercedes Rosón, presentará en breve o programa de actividades.

Na sesión tamén se deu o visto bo á composición do xurado do IV Premio Internacional "Compostela" de álbums ilustrados. Estará integrado por Roberto Innocenti, Federico Martín Nebras, Paula Carballeira, Xosé Rodríguez-Abella (polo Concello) e Manuela Rodríguez (por Kalandraka Editora).

Deportes
Finalmente, adxudicouse o contrato do servizo de conserxería e limpeza de varias instalacións deportivas do Concello, por un importe de 464.535 euros.

Documentos relacionados



Compartir: