IGUALDADE

O Concello conmemora o Día Internacional da Muller cunha homenaxe a oito mulleres e co fallo do Premio Xohana Torres

07/03/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou os actos programados para mañá martes, 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. Nesta xornada fallarase o segundo Premio de Ensaio Xohana Torres. Tres días despois, o xoves 10 de marzo, o Concello homenaxeará a oito mulleres nun acto solemne no Hostal dos Reis Católicos.

Mar Martín recordou que o Día Internacional da Muller é unha data de reivindicación e solidariedade, pero tamén de celebración polos dereitos adquiridos, sen perder de vista todo o que aínda queda por conseguir. Así, citou como tarefas pendentes o pleno acceso ao emprego, a paridade nos cargos directivos, a conciliación da vida familiar e laboral ou a erradicación da violencia de xénero, entre outras.

Son todos estes obxectivos que están incluídos no III Plan de Igualdade, no cal tamén se enmarcan os actos desta xornada. O primeiro deles será mañá martes, coa entrega do Premio de Ensaio Xohana Torres, ás 12:00 horas, no Pazo de Raxoi. O xurado escollerá un gañador entre os tres traballos presentados. Neste punto, a concelleira recordou que, aínda que non se presenten moitos estudos a esta convocatoria, preténdese "seguir incentivando a investigación neste ámbito" e animar ás mulleres a "reflexionar sobre si mesmas".

Esta é a segunda edición que o galardón se abre aos traballos de ensaio, tanto literario como científico. O Premio foi institucionalizado pola Concellería de Igualdade no ano 1993 co obxectivo de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún ámbito. Nas primeiras 17 edicións premiábase un traballo de investigación.

Homenaxe a oito mulleres
Nos últimos anos, o Concello vén homenaxeando con motivo desta data a oito mulleres que destacan nos seus ámbitos profesionais ou sociais e que co seu labor son símbolos do recoñecemento a moitas outras. O acto celebrarase o xoves 10 de marzo, ás 20:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos.

Outros anos esta homenaxe dirixiuse a mulleres dun ámbito específico, pero este ano as distinguidas pertencen a distintas áreas. Son as seguintes:

- Esther Pedrosa Carrete. Atleta de traxectoria deportiva a nivel autonómico, nacional e internacional.

- Mª Elena Vázquez Cendón. Doutora en Ciencias Matemáticas por la USC e profesora titular do Departamento de Matemática Aplicada.

- Ana Romaní Blanco. Escritora, xornalista e directora do programa Diario Cultural da Radio Galega.

- Encarna Otero Cepeda. Licenciada en Historia pola Universidade de Toulouse e doutora pola USC. Profesora do IES Eduardo Pondal. Activista comprometida social e politicamente en defensa dos dereitos das mulleres.

- Mª Dolores Alvariño Alejandro. Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, especialidade de Psicoloxía, pola USC. Xefa do Departamento de Orientación do IES Eduardo Pondal.

- Pastora Nieto Gómez. Presidenta da Asociación de Viúvas "Rosalía de Castro".

- Mª Teresa Lord Rodríguez. Diplomada en Enfermería por la USC. Presidenta da Asociación de Diabete.

- Concepción Valladares Souto. Empresaria e propietaria do Ultramarinos Valladares.

Documentos relacionados



Compartir: