CONSORCIO

A Real Filharmonía participa un ano máis no Festival Música-Musika de Bilbao

04/03/2011 A Real Filharmonía de Galicia viaxa a Bilbao para participar, o sábado 5 e o domingo 6, no Festival Música-Musika, un dos mellores certames musicais de España, composto nesta edición por máis de 60 concertos.

A orquestra santiaguesa repite este ano a súa participación no festival bilbaíno, logo do éxito de crítica que recolleu durante a pasada edición, cando foi amplamente eloxiada polo público e polos diferentes críticos musicais. De feito, a organización do festival xa solicitou a participación da Filharmonía na edición de 2012.

Acompañada polo seu director titular, Antoni Ros Marbà, a Real Filharmonía poñerá sobre o escenario un total de catro concertos monográficos conformado por pezas de Mozart. Xunto á orquestra santiaguesa tamén viaxan o pianista Luis Fernando Pérez e o oboísta Roberto Baltar. Os concertos terán lugar o sábado 5 (ás 12:00 e ás 18:00 horas) e o domingo 6 de marzo (ás 12:30 e ás 18:45 horas). En cada concerto interpretaranse dúas obras de Mozart. En total, soará o seguinte programa:

- Obertura de Don Giovanni.
- Sinfonía núm. 41, "Xúpiter".
- Concerto para piano núm. 17 (Luis Fernando Pérez, piano).
- Sinfonía núm. 35, "Haffner".
- Sinfonía núm. 38, "Praga".
- Concerto para óboe en Do maior (Roberto Baltar, óboe).

Ademais, unha selección destas obras poderase escoitar o venres 11 de marzo, xa no Auditorio de Galicia, no marco da temporada de concertos de abono da Real Filharmonía.

Compartir: