FESTAS

As Cantareiras de Ardebullo abren as portas do Antroido coa banda sonora das verbenas

04/03/2011 As televisivas Cantareiras de Ardebullo abrirán o sábado as festas do Antroido co tradicional pregón. Será o momento para que o Meco suba aos balcóns do Pazo de Bendaña e para o baile con ritmos de verbena.

As actividades do Antroido compostelán comezan a primeira hora con obradoiros de maquillaxe, disfraces e máscaras na praza do Toural, de 12:00 a 14:30 horas. Ás 20:00 horas, as comparsas Os Conformistas de Conxo e A Ruliña de Laraño animarán ao público do Toural.

De seguido terá lugar o pregón, que este ano protagonizará a parella cómica máis divertida de Galicia, as Cantareiras de Ardebullo, Nucha e Mucha. Estarán acompañadas pola Ardebullo Bin Ban.

Ademais de pronunciar o pregón, as Cantareiras uniranse á festa para o baile que amenizará a orquestra Ardebullo Bin Ban, unha formación de once músicos, liderada polo vocalista Sito Sedes, que recrea o espírito das grandes orquestras galegas. Durante dúas horas, Nucha e Mucha farán de mestras de cerimonia animando a todo o público a bailar cos grandes clásicos da música galega a modo das míticas verbenas.

A Meca como protagonista
Ás 20:30 horas terá lugar a subida do Meco aos balcóns do Pazo de Bendaña, dende onde controlará todos os movementos das festas ata a súa queima o mércores. O concepto da figura, realizado polo escultor José Manuel Méndez, é localista pero con alusións globais, que por primeira vez se constrúe con corpo de muller.

Cunha iconografía inspirada no parteluz do Pórtico da Gloria, recréanse tres ambientes: na súa parte inferior sitúase o inframundo no que a crise, representada por Sansón, asfixia mesmo as feras máis poderosas; no centro atopamos os problemas de cotío, representados polo andamiaxe na loita contra o efecto do tempo, e tamén os visitantes de fóra representados pola pegada da man na columna e a presenza do Meco, catalizador de todos os nosos males, que este ano coquetea co trofeo do Mundial de Fútbol situado na Gloria; e na parte superior, o ceo, ocupado pola devandita Copa constelada coa aura da glorificación, coma elemento da súa sacralización en Santiago e no Mundo.

Desfile e concurso de disfraces polas rúas do Ensanche
Para participar no desfile do martes de Antroido, os interesados poden anotarse no Teatro Principal (rúa Nova, 21) ata o luns 7 ás 14:00 horas. Así poderán optar aos premios en categoría de carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada, mellor disfrace individual e premio especial á mellor comparsa procedente das parroquias e barrios do Concello de Santiago (incompatible cos outros premios).

Documentos relacionados



Compartir: