ALCALDÍA

O alcalde presta o seu apoio ao ministro de Fomento na defensa do AVE a Galicia

04/03/2011 Despois da visita desta semana do ministro de Fomento, José Blanco, ás obras da entrada do AVE na cidade, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mostrou a súa satisfacción co cumprimento e mesmo adianto dos prazos desta actuación. Ademais, insistiu no "recoñecemento ao esforzo do ministro" no tema da alta velocidade a Galicia e prestoulle o seu apoio na defensa da mesma.

Sánchez Bugallo coincidiu co ministro en constatar a existencia de "fortes presións de sectores económicos, sociais e mediáticos" para, nestes momentos de estreiteces económicas, "dar prioridade á liña do AVE entre Barcelona, Valencia e Málaga", fronte á liña a Galicia, por considerala dunha "maior rendibilidade económica". En contraposición, uniuse á aposta de Blanco pola "articulación territorial".

En calquera caso, o alcalde agarda que "o ministro consiga licitar e adxudicar os tramos entre Zamora e Ourense, o macrocontrato de 6.000 millóns de euros, que inclúe a obra e conservación posterior". De non tomarse esa decisión agora, augurou, "probablemente estariamos ante unha demora de 10 ou 15 anos".

Xa sobre a entrada do AVE en Santiago, indicou que os prazos van mesmo adiantados e espera que na saída de Ourense tamén se aceleren os tempos, co obxectivo de que antes de decembro estea rematada a liña Ourense-Santiago-A Coruña. Deste xeito, dixo, este traxecto podería realizarse nunha hora. Recordou a este respecto que a previsión do Ministerio a partir de 2012 é ir reducindo progresivamente os tempos entre Madrid e Santiago grazas á introdución de trens híbridos que poderían circular xa a máis velocidade nos tramos electrificados.

Seguindo coa alta velocidade, o luns 7, o alcalde reunirase co presidente de ADIF para falar dos usos e deseño da futura estación do AVE. "Queremos ver algúns temas de deseño, porque queremos plena garantía de que as cousas queden ben e, neste tema, imos ter a presa xusta e necesaria", apuntou. O que si está xa garantido, dixo, é que "a conexión peonil coa estación se fará a través dunha "praza elevada que prolongará a actual beirarrúa do Hórreo e que levará directamente á estación".

Túnel do Hórreo
Tamén a propósito da visita de José Blanco, anunciou que "probablemente", este mesmo mes de marzo poida estar rematada a parte externa do paso inferior do Hórreo. En canto ao interior do mesmo, indicou que os extractores de aire necesarios non serán subministrados ata o 23 de abril. Instalados estes, confía en que "non se demore a apertura ao tráfico".

Terminal de Lavacolla
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén falou doutra infraestrutura, a nova terminal de Lavacolla, indicando que "a obra grosa estará rematada o 24 de marzo". Logo precisaranse tres meses de ensaios para que estea totalmente operativa.

En relación coas conexións aéreas, anunciou que a oferta municipal sobre a conexión con Roma fora presentada a Easyjet no mediodía de onte. Indicou que probablemente se celebre unha nova reunión en Londres ou Santiago para pechar os termos do acordo.

Compartir: