ALCALDÍA

O Ensanche Vello exhibe a súa nova e funcional imaxe urbana

04/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario de Estado de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías, visitaron as obras de reurbanización realizadas nas rúas do chamado Ensanche Vello, realizadas con fondos estatais. Estas actuacións dotaron a esta zona da cidade de espazos máis habitables, con amplas beirarrúas e novos servizos.

O primeiro grupo de seis rúas fora renovado xa con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local. Entón remodeláranse as rúas Pérez Constanti, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Curros Enríquez e Gómez Ulla.
Xa nunha segunda etapa, correspondente co Fondo Estatal para a o Emprego e a Sostibilidade Local, tamén se reformaron no mesmo ámbito e cun tratamento semellante as rúas dos Irmáns Rey Alvite e de López Ferreiro.

Fixando como prioridades, por esta orde, o uso peonil, o circulatorio e o estacionamento, o conxunto do Ensanche Vello conta agora con novas beirarrúas e calzadas. As obras permitiron tamén substituír os materiais e as tecnoloxías nas redes de auga, saneamento e alumeado público; instalar colectores soterrados e mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da zona. Todo isto tradúcese á súa vez nunha imaxe urbana acorde aos tempos actuais.

Os Fondos estatais de 2009 e 2010 permitiron a creación de 1.325 postos de traballo en Santiago, preto dun 163% máis dos inicialmente previstos (505), así como a execución de 72 proxectos. O investimento na cidade compostelá ascendeu a 26,8 millóns de euros.

Compartir: