EDUCACIÓN

Unha xornada técnica abordará en Santiago os retos educativos das corporacións locais

03/03/2011 O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Carlos Fernández, e o Grupo de Traballo Concellos e Educación presentaron en Santiago a I Xornada Técnica sobre Concellos e Educación en Galicia. Celebrarase o vindeiro 24 de marzo no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, xunto co presidente da FEGAMP e os responsables políticos e técnicos da área de Educación dos concellos da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo explicaron o contido desta Xornada Técnica, que nace de meses de traballo común e de reflexión sobre o papel actual e futuro da intervención municipal en materia educativa. Este encontro servirá para compartir, con profesionais de recoñecido prestixio nos distintos ámbitos de interese común para os concellos integrados nesta rede, unha reflexión teórica e experiencias que, nunha situación como a actual, permitan afrontar os retos que en materia educativa teñen as corporacións locais.

Nesta Xornada falarase sobre temas que veñen sendo debatidos ao longo dos últimos meses nas catro comisións de traballo constituídas dentro da rede Concellos e Educación:

- REDE EDUCATIVA 0-3 de Educación infantil: Comisión de traballo para a elaboración dun modelo de xestión e financiamento dende a perspectiva municipal.

- ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS: Comisión de traballo destinada a definir un modelo de xestión, financiamento e deseño curricular.

- OBRIGAS MUNICIPAIS SOBRE OBRAS DE CONSERVACIÓN, REPARACIÓN E MANTEMENTO EN CENTROS DE ENSINO PÚBLICO. PLAN DE MODERNIZACIÓN DOS EQUIPAMENTOS ESCOLARES DE GALICIA: Comisión de traballo destinada a definir o estudo de propostas sobre o estado xeral de conservación dos centros de ensino públicos de infantil e primaria e a actuación concertada entre a Administración Local e Autonómica para a súa mellora e modernización.

- PROGRAMA DE APERTURA DE CENTROS ESCOLARES FÓRA DO HORARIO LECTIVO: Comisión de traballo destinada á elaboración dunha proposta de modificación da actual convocatoria de subvencións e a definición dun modelo de xestión municipal de programas de apertura de centros fóra do horario lectivo.

Mesa con expertos
O formato elixido para esta xornada será o de mesa con expertos, en forma de diálogo dirixido. Contarase coa presenza de recoñecidos profesionais en cada unha destas comisións. Entre eles destaca a presenza de Vicens Arnaiz Sancho, director do Equipo de Atención Temperá de Menorca, presidente do Observatorio da Infancia de Menorca e asesor da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) en calidade de experto en educación infantil.

No ámbito das competencias municipais en materia educativa divulgarase iniciativa Esfuerza. Esfuerzo Educativo de Andalucía, da Junta de Andalucía, que leva realizando nas últimas décadas un grande esforzo no ámbito da xestión, innovación e diálogo coa comunidade educativa co obxectivo de mellorar a calidade do sistema educativo de Andalucía.

O uso dos espazos educativos fóra do horario lectivo no Concello de Barcelona permitirá aos participantes coñecer as experiencias municipais que neste ámbito desenvolven en municipios cataláns.

Finalmente, foron convidadas a Universidade de Limerick (Irlanda) e a Asociación Española de Música, que presentarán a súa experiencia na planificación e xestión das escolas municipais de música e artes escénicas.

Os destinatarios desta Xornada son representantes políticos e técnicos dos concellos de Galicia, así como persoal técnico das escolas infantís municipais e escolas municipais de música. O prazo de inscrición das xornadas está aberto ata o próximo 20 de marzo.

Máis información

Secretaría Técnica do Grupo Concellos e Educación
Concello de Santiago
Departamento de Educación
Tfnos.: 981 554 400/401
Fax: 981 571 511
dptoeducacion@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: