CIDADE HISTÓRICA

Propostas para a Cidade Histórica na clausura das sesións abertas do congreso "Compostela 2021. A cidade intuída"

03/03/2011 Pararse e reflexionar, intuír a cidade que queremos para dentro de 10 anos é o obxectivo do congreso Compostela 2021. A cidade intuída, que está a desenvolver as súas xornadas de portas abertas durante esta semana, no Teatro Principal. A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, pechará estas sesións despois dunha última sesión que estará centrada na reflexión sobre a zona vella de Compostela.

As propostas para a Cidade Histórica restrínxense a tres espazos de actuación: o ámbito intramuros, o recinto dentro da cidade amurallada; propostas para o ámbito da ronda da muralla a través de Virxe da Cerca, Fonte de Santo Antonio, incluíndo unha nova proposta de remodelación da praza de Galiza; e por último propostas para o ámbito delimitado polas rúas de San Roque, dos Basquiños e todas as rúas que caen no outeiro sudoccidental do Monte da Almáciga.

No final do día, e antes de que Olga Pedreira clausure o congreso, ofreceranse dúas conferencias que mostrarán as opinións de diferentes especialistas sobre as posibilidades de desenvolvemento urbano de Santiago. Na primeira das conferencias, José Miguel Iribas adentrarase na diagnose territorial e urbanística, mostrando diferentes liñas de desenvolvemento de plans de ordenación urbana. Xa a seguir será o sociólogo e politólogo Xaime Subiela quen reflexione sobre as diferentes propostas de integración da Cidade da Cultura nas dinámicas actuais de Compostela.

Praza de Galicia, A Almáciga e Intramuros
No ámbito que vai dende o inicio da rúa Aller Ulloa na Porta do Camiño ata a praza de Galicia, 2C Arquitectos formula a necesidade de que a Virxe da Cerca e Fonte de Santo Antonio deixen de ser unha "travesía urbana" que actualmente articula os fluxos Norte-Sur da cidade, reservando estas vías para "o transporte público racionalizado, así como o acceso dos residentes, os servizos, as emerxencias e a carga e descarga, dificultando todos aqueles movementos de paso". Para isto propoñen a reurbanización destas rúas reducindo o espazo para os automóbiles e eliminando un sentido da circulación. De xeito integral apostan tamén por unha remodelación da praza de Galicia que se integre na concepción anterior, sinalando este espazo como unha oportunidade para a cidade e, concretamente, para a zona histórica.

Outro dos ámbitos obxecto de reflexión é o delimitado polas rúas de San Roque e a súa continuación nos Basquiños coa rúa de San Pedro, no que é o outeiro sudocidental da Almáciga. Aquí as equipas de Salgado e Liñares Arquitectos, Abalo Alonso Arquitectos e Escaleno arquitectura propoñen darlle a este espazo un tratamento de "continuidade co recinto monumental, que permita conseguir unha lectura global da cidade histórica", con "novos percorridos alternativos de caracter transversal que superen o illamento da Almáciga" e que permitan "aproveitar as áreas de oportunidade vinculadas ao baleiro da Salle".

Xa para o ámbito de Intramuros, o Consorcio de Santiago reflexiona sobre a zona vella como unha "arma cargada de futuro", mostrando as potencialidades do barrio que foi orixe de Compostela e que ten sabido evolucionar e adaptarse no pasado. Para o futuro é razoable pensar que tamén "soportarán as mudanzas indispensables nos modelos de convivencia e nos modelos enerxéticos do futuro". Nas súa propostas, o Consorcio céntrase en garantir a rehabilitación e a habitabilidade da cidade vella e xestionar axeitadamente "os balances enerxéticos" das dinámicas derivadas desta acción. A xestión e o "eloxio do baleiro" e a capacidade de impulsar unhas infraestruturas urbanas que fomenten a habitabilidade serán tamén obxecto de exposición

Compartir: