ALCALDÍA

O paso inferior do Hórreo entrará en servizo en maio e a alta velocidade ferroviaria chegará a finais deste ano 2011

02/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañou ao ministro de Fomento, José Blanco nunha visita ás obras de construción dos accesos a Santiago na Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago e ás do túnel do Hórreo.

Durante a visita, o ministro indicou que "circularán os primeiros trens de alta velocidade a finais deste ano", e garantiu que o AVE entre Ourense, Santiago e A Coruña "vai ser unha realidade en 2012". Sobre o túnel do Hórreo, afirmou que entrará en servizo no mes de maio.

No percorrido puido comprobar o desenvolvemento das obras do último tramo de acceso á cidade e as súas infraestruturas máis singulares.

O tramo de acceso á estación, de 3,6 quilómetros de lonxitude, inclúe un ramal de conexión co Eixe Atlántico e a construción dunha variante da liña convencional Zamora-A Coruña, que permite a continuidade do servizo ferroviario durante a duración dos traballos.

O acceso da alta velocidade a Santiago dende Ourense realizarase, entre os puntos quilométricos 0/000 e 2/600 do tramo, mediante una dobre vía implantada nun corredor ocupado actualmente por unha vía única. Posteriormente, entre os puntos 2/600 e 3/614 (final do tramo) accédese a Santiago con catro vías, dúas correspondentes á LAV Ourense–Santiago e dúas do Eixe Atlántico, fronte ás tres vías que ingresan actualmente á estación nesta zona.

A nova plataforma duplica o corredor Ourense–Santiago nunha área periurbana con presenza de edificacións e infraestruturas viarias, polo que require dun axuste preciso do trazado ao longo do seu desenvolvemento. É por iso polo que, ademais da construción de novas infraestruturas, precísase a reforma doutras xa existentes, como o ensanchamento do viaduto de Pontepedriña e o paso inferior sobre a rúa Amor Ruibal.

Este tramo forma parte da Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago, que entrará en servizo (xunto ao tramo ata A Coruña) este ano, tal e como estaba previsto.

Características do tramo
O orzamento para as obras do tramo ascendeu a máis de 40 millóns de euros. Como elementos singulares destacan a construción de tres viadutos, de 80 metros de lonxitude cada un, e un falso túnel (O Combarro, de 600 m), así como a ampliación do viaduto de Pontepedriña, de 265 m, e do paso sobre a rúa Amor Ruibal, de 24 m de lonxitude.

A día de hoxe está rematado o viaduto E-0.1 da variante do ferrocarril convencional e en avanzado estado de construción o viaducto E-0.1 da liña de alta velocidade Ourense-Santiago, ambos sobre a autopista AP-9. Ademais, atópase na última fase de obras a ampliación do viaduto de Pontepedriña e o falso túnel do Combarro, que xa ten executado o muro esquerdo, e avánzase no levantamento do muro dereito.

Así mesmo, está en fase de obras a montaxe de vía da conexión co Eixe Atlántico A Coruña-Vigo e a remodelación das vías da estación de Santiago. A conexión entre o Eixe Ourense-Santiago e o Eixe Atlántico A Coruña-Vigo realizarase nas proximidades de Santiago mediante un ramal en vía única de 1.060 m de lonxitude, cos seus correspondentes desvíos e escapes.

Esta conexión permitirá que os trens poidan realizar o traxecto Ourense-Vigo sen pasar pola estación compostelá. A montaxe de vía, desvíos e escapes realizarase en horarios que non interfiran a circulación ferroviaria.

Estación de Santiago
A estación de Santiago será remodelada para acoller a chegada da alta velocidade, en virtude do protocolo de colaboración, asinado o 3 de novembro de 2009 entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

O acordo inclúe a actuación urbanística na área de influencia da estación e a súa adaptación á chegada da alta velocidade e conversión nun centro intermodal de transporte, grazas á integración dunha nova terminal de autobuses.

Actualmente están en fase de licitación as obras de adecuación do andén 3, o destinado ao estacionamiento das futuras unidades de alta velocidade. Estes traballos inclúen a reforma para a súa adaptación a persoas con discapacidade e a ampliación parcial dos accesos aos andéns da estación compostelá, e así como a ampliación do mencionado andén 3, incluíndo a retirada das vías adxacentes para permitir o encaixe do andén agrandado.

O novo andén terá 250 metros de longo e 10 de ancho, e quedará cuberto por unha marquesina metálica. Co fin de mellorar as condicións de acceso ao terceiro andén e albergar no seu interior a zona de control de acceso á alta velocidade, ampliarase o paso inferior de acceso. Aprovéitase ademais o tramo situado directamente baixo o andén para conseguir unha zona na que se ubicará un ascensor e unha escaleira.

Por otra parte, na estación redistribuirase o trazado de vías para dar entrada á nova liña de alta velocidade Ourense-Santiago. A actuación implica o levantamento e desprazamento dalgunhas vías e desvíos, a construción de 1.115 metros de novas vías e a instalación de tres novos aparatos de vía. Os traballos realizaranse por fases para non entorpecer o funcionamento da estación.

Os traballos de integración da alta velocidade en Santiago tamén contemplan o traslado das instalacións de mercadorías e do mantemento de infraestrutura, así como a resolución dos accesos peonís e rodados ao complexo da estación dende a rúa do Hórreo, a avenida de Lugo e o vieiro Sar-Pontepedriña.

A posta en servizo da liña de alta velocidade Ourense-Santiago en 2011 suporá a diminución da distancia do percorrido entre as dúas cidades en 38,9 quilómetros, pasando dos 126 actuais a 87,1 (incluyendo o acceso a ambas capitais).

Compartir: