COMERCIO

Presentadas as bases para a selección dos comercios distinguidos na Homenaxe ao Comercio Compostelán 2011

02/03/2011 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou en rolda de prensa as bases que rexerán a selección dos comercios homenaxeados na recepción que se celebrará o día 8 de abril no pazo de Raxoi. O obxectivo principal desta distinción é recoñecer o labor dos comercios homenaxeados, a súa traxectoria ao servizo da clientela e a achega realizada ao sector comercial, un dos motores da economía compostelá, así como a dinamización e a promoción do sector.

Dende o 23 de febreiro (data de publicación das bases no BOP da Coruña) está aberta a convocatoria para a presentación de solicitudes, que finaliza o 21 de marzo. Poden participar todos os establecementos comerciais polo miúdo abertos ao público no Concello de Santiago, excepto os xa homenaxeados en anos anteriores.

Unha comisión estudará as solicitudes de participación presentadas conforme aos criterios obxectivos fixados nas bases. Estas bases e a solicitude de participación pódense consultar e descargar na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org.

Os establecementos comerciais poderán eles mesmos presentar a súa candidatura ou ben ser propostos por outros comerciantes ou asociacións de comerciantes. As solicitudes deberán presentarse en calquera dos tres rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Os criterios de valoración serán os seguintes: antigüidade do comercio e que este pasase de xeración a xeración no seo dunha mesma familia dende a súa fundación. Escolleranse cinco comercios, que recibirán unha homenaxe no transcurso da recepción que terá lugar o 8 de abril no Concello de Santiago.

Os comercios homenaxeados no ano 2010 foron: Fariña e Formigo, Supermercados Lorenzo Froiz, La Princesa, Joyería Bao e Espagat.

Documentos relacionados



Compartir: