CULTURA

A danza e a música, protagonistas da programación cultural de marzo

02/03/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a programación cultural do mes de marzo, na que destacan o programa de abono do Auditorio, Ana Moura en Sons da Diversidade e dous espectáculos de SCQ Danza.

SCQ Danza ten dous fitos neste mes de marzo. O venres 11, ás 21:00 horas, estará no Teatro Principal o Centro Coreográfico National de Caen/Basse-Normandía con Manta, coreografiada por Hela Fattoumi e Eric Lamoureux. A peza xira arredor dun tema de moita actualidade: o velo islámico. Xa o xoves 17, tamén no Teatro Principal, estará a Compañía Nuria Sotelo con Métanse nos seus asuntos, unha creación de Ana Vallés e Nuria Sotelo. É o debut desta compañía que se creou en 2010.

En canto á música, a concelleira destacou a nova cita deste mes con Sons da Diversidade. Será o sábado 26 cando Ana Moura presente Léva-me aos fados, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. De Moura, o director-xerente Paulo Rodríguez, asegurou que "ten unha voz extraordinaria e é unha das emerxencias mais potentes do país veciño da que pronto poderemos dicir que é unha voz consagrada".

Ademais, continua o programa de abono do Auditorio de Galicia con varios concertos neste mes de marzo, así como os concertos da Banda Municipal de Música e os Concertos Didácticos tanto da Filharmonía como da Banda Municipal, e outras actividades musicais como a inauguración do III Ciclo de Piano "Angel Brage" cun concerto da pianista xermano-xaponesa Alice Sara Ott .

Teatro e exposicións
O teatro ten tamén o seu espazo na programación do mes de marzo. Teatro en Xira trae un novo espectáculo o martes 22 e o mércores 23 . Desta vez chega á cidade Tanttaka Teatroa con La mujer justa, de Sandor Márai, con Rosa Novell, Cristina Plazas, Álex Casanovas e Oriol Algueró, e dirixida por Fernando Bernués. Ademais, o mércores 16, tamén no Principal, pero ás 20:00 horas, ARTías Teatro presenta 8 mulleres, de Robert Thomas.

A concelleira quixo destacar que neste mes de marzo temos a última oportunidade para ver no Auditorio de Galicia a mostra Korda. Coñecido, descoñecido, comisariada por Cristina Vives, xa que se pecha o día 27 de marzo. Ademais, tamén lembrou que nos Centros Socioculturais está a exposición A memoria da xente e. na Zona "C". pódese visitar Give me your picture, de Carolina Caluori, comisariada por Basilisa Fiestras.

Centros Socioculturais
En canto á programación dos Centros Socioculturais, García Conde destacou que nestes días xiran, como é normal, arredor do Entroido. Lembrou que continuamos cos programas habituais que hai ao longo do ano como as visitas culturais, obradoiros diversos, Club de Maiores, Aula de Xogo, etc.

Nos centros haberá tamén maxia co Mago Marttyn; cinema co ciclo de Cinemas Dixitais; e contacontos e teatro. En particular, destacaron as actividades de Asómate Primavera con Taniauria, Títeres Cascanueces, NNC Teatro e Talía Teatro, entre outros.

Compartir: