CULTURA

Alice Sara Ott inaugura o III Ciclo de Piano Angel Brage no Auditorio de Galicia

01/03/2011 O III Ciclo de Piano Angel Brage dá comezo cun concerto da pianista xermano-xaponesa Alice Sara Ott. Este ciclo enmárcase dentro do Programa de Abono do Auditorio de Galicia, organizado pola Concellaría de Cultura. Alice Sara presenta un programa con obras de Ludwig Van Beethoven e Franz Lizst. Comeza coa Sonata para piano núm. 3 en do maior, op- 2 (1795) de Beethoven, para seguir cos 12 Estudos trascendentais (1826-1852) de Listz.

A pianista xermano-xaponesa de 22 anos Alice Sara Ott alcanzou un grande éxito de crítica grazas ás súas brillantes actuacións nas principais salas de concerto de todo o mundo. Aos trece anos, Alice foi nomeada "artista máis prometedora" no Concurso da Academia Internacional de Piano Hamamatsu, e dous anos despois foi a concursante máis nova en recoller o primeiro premio do Concurso Internacional de Piano Silvio Bengalli. Os momentos culminantes máis importantes en recital durante a tempada 2010/11 inclúen participacións no Festival de Lucerna, Festspielhaus Baden-Baden, Festival van Vlaanderen en Bruxelas e unha importante xira polas principais cidades de Xapón.

Ademais das súas actividades como solista, Alice é unha entusiasta da música de cámara, e realiza habitualmente actuacións en festivais en Heimbach, Zúric, Davos e Schwetzingen xunto con outros artistas como Lars Vogt, Gustav Rivinius, Tadjana Masurenko e Peter Sadlo. Alice ademais participa frecuentemente en recitais en Klavier- Festival Ruhr, Festival de Música de Schleswig-Holstein, Festspiele Mecklenburg-Vorpommern e Braunschweig Classix Festival.

O ciclo continuará o domingo 3 de abril con Arcadi Volodos, que interpretará pezas de Franz Schubert e Franz Lizst . E pechará esta terceira edición Aldo Ciccolini o domingo 22 de maio con obras de Frédéric Chopin e tamén de Franz Lizst, ao igual que Alice Sara Ott e Arcadi Volodos.

Compartir: