CONSORCIO

O alcalde reuniuse cunha delegación do CSIC

01/03/2011 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi a unha delegación da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións Científicas. Na xuntanza puideron observar a maqueta do futuro Instituto de Ciencias do Patrimonio, que estará no espazo verde das Brañas de Sar e cuxa construción foi promovida dende o Consorcio, que convocou un concurso para elixir o proxecto arquitectónico de maior calidade.

Cómpre lembrar que o estudo de arquitectura Pesquera Ulargui será o encargado de desenvolver o proxecto de construción. Esta firma, asentada en Madrid, está formada polos arquitectos Jesús Ulargui e Eduardo Pesquera, e entre os seus últimos traballos destacan a remodelación do Museo de Pontevedra, o Centro de Congresos de Ibiza ou a renovación da Universidade de Comillas. Tamén foron invitados a participar na Bienal de Venecia en 2008, como novas promesas da arquitectura.

Entre outros aspectos, a proposta gañadora foi seleccionada en base á súa integración no entorno e á resolución arquitectónica e funcional do programa. Tamén se consideraron aspectos como a sinxeleza e a economía da construción, o aforro no consumo de enerxía, a xestión da auga ou o custo do mantemento posterior do edificio. A súa arquitectura apenas sobresae do terreo e está conformada por diferentes estruturas cúbicas interconectadas entre si e que conteñen tanto os despachos, na súa parte externa, como os almacéns, laboratorios e centro de documentación, na súa parte interna.

Destaca a orixinalidade da cuberta, conformada por un manto vexetal, que actúa a modo de alfombra verde en continuaidade coa paisaxe. Os despachos ábrense ao oeste, sobre a ladeira, a modo de ollos sobre a cidade e as Brañas de Sar. Estas estancias están tratadas coma mobles, o que permitirá unilas ou separalas segundo as necesidades. No que se refire á enerxía, a nova construción será un edificio de fácil mantemento, capaz de xestionar os recursos enerxéticos de forma eficiente. Os materiais construtivos e os revestimentos garantizan o maior aforro posible e, grazas á adaptación do edificio ao terreo e á súa cuberta vexetal, unha cámara de aire intermedia e ventilada permitirá, mediante un sinxelo sistema de apertura e peche en verán e inverno, que o circuíto de renovación de aire por "plenum" sexa utilizado como aporte gratuíto de frío e calor para o illamento. Tamén contará cunha implantación de chan radiante e un conxunto de paneles termodinámicos para a produción de auga quente.

O novo edificio ocupará unha superficie total construída de 3.776 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas. Esta superficie esgota a edificabilidade prevista polo PXOM na área das Brañas de Sar. A construción do edificio suporá un investimento por parte do CSIC de 6.103.000 euros.

Compartir: