XUNTA DE GOBERNO

Reparación de cubertas no Auditorio

01/03/2011 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou, entre outros asuntos, o proxecto para a reparación de diversas cubertas do Auditorio de Galicia. Tamén se deu o visto bo ao orzamento das festas do Antroido e ás retencións de crédito correspondentes aos programas de axudas sociais en 2011.

Continúan as obras para mellorar as instalacións do Auditorio de Galicia. Tras a reforma do aparcadoiro e as obras nunha parte da cuberta xa acometidas, agora deuse o visto bo ao proxecto para outra intervención nas cubertas que faltan por renovar do recinto. O tipo de licitación estableceuse en 246.016 euros.

Tamén no ámbito da Concellería de Cultura, aprobáronse diversos convenios deste departamento con entidades culturais para o exercicio 2011: Federación de Libreiros de Galicia (14.000 euros), Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (19.500 euros), Asociación do Traxe Galego (4.250 euros), Asociación Cultural Música-Solfa (4.250 euros) e Sala Nasa (42.500 euros).

Benestar Social
A proposta da concelleira de Benestar Social, aprobáronse as retencións de crédito correspondentes aos programas de axudas sociais do ano 2011, segundo o seguinte desglose:
- Axudas emerxencia inmigrantes (aloxamento e manutención): 5.000 euros.
- Vivenda-aloxamento: 50.000 euros.
- Comedor escolar-Mapis: 2.000 euros.
- Manutención: 50.000 euros.
- Actividades: 4.000 euros.
- Gastos excepcionais puntuais: 30.000 euros

Festas
O Goberno local tamén deu o visto bo a un orzamento de 95.653 euros para o Antroido 2011 e ás bases do seu concurso. O Antroido celebrarase do 5 ao 9 de marzo e inclúen o tradicional pregón –acompañado este ano coa actuación dunha orquestra no Toural-, o desfile do martes de Antroido, un baile infantil, a queima do Meco e diversas actividades de animación nas rúas e prazas.

Educación
En materia de Educación, autorizouse ás asociacións de pais e nais dos CEIP Ramón Cabanillas e Monte dos Postes á utilización das instalacións dos centros para programas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal nos períodos de vacacións do Antroido e de Semana Santa.

Urbanismo
A Xunta de Goberno procedeu tamén a ratificar o acordo adoptado polo Consello de Administración de Emuvissa sobre o rexeitamento do recurso especial de contratación interposto por José Ramón Rivas Martínez contra o prego de licitación e o proxecto de urbanización do SUNP-38 de Formarís.

Medio Ambiente
Finalmente, acordouse solicitar á Dirección General de Cooperación Local unha prórroga do prazo de execución das obras de remodelación das especies arbóreas e restauración das beirarrúas afectadas polo arborado do polígono de Fontiñas. Solicítase a moratoria ata o 30 de xuño de 2011.

Documentos relacionados



Compartir: