CIRCULACIÓN VIARIA

A futura concesionaria do servizo da grúa e da ORA deberá achegar unha nova parcela como depósito de vehículos

01/03/2011 A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, explicou en rolda de prensa as características do prego de condicións ao que se terán que ater as empresas que se queiran facer cargo da concesión do servizo de ordenación, regulación e aparcamento de vehículos (ORA) e da retirada, traslado e depósito de vehículos (grúa). A concesión farase por cinco anos, prorrogables por outros tres.

A empresa que resulte finalmente adxudicataria deberá acometer, entre outros requisitos, a renovación dos cinco vehículos da grúa. Pola contra, as máquinas expendedoras de recibos da ORA non serán cambiadas con carácter xeral, xa que presentan un bo estado, segundo indicou a concelleira. Na actualidade, existen 1.596 prazas de estacionamento en zona ORA, ás que se suman outras 232 prazas de carga e descarga que tamén son ORA fóra do horario deste servizo.

A concesionaria tamén deberá achegar unha nova parcela na que situar o depósito de vehículos, xa que a actual está situada nun polígono de vivendas. A superficie terá unha superficie mínima de 3.000 metros cadrados, estará situada a unha distancia máxima dun quilómetro respecto do casco urbano e terá unha capacidade mínima de 300 vehículos. A nova empresa tamén deberá subrogar os contratos dos traballadores actuais.

Canon anual fixo e outro variable
En canto ás contraprestacións económicas, o Concello percibirá un canon anual fixo que, como mínimo, será de 15 euros anuais por cada praza de calquera tipo que forme parte do ámbito de regulación de prazas. Tamén se fixa un canon variable, resultado de aplicar á diferenza líquida de recadación a porcentaxe ofertada polo adxudicatario na súa proposición (mínimo do 50%).

A retribución económica que percibirá mensualmente o concesionario consta, en primeiro lugar, dunha cantidade fixa, determinada en función do importe de adxudicación. Ademais, cobrará unha cantidade variable que corresponderá á porcentaxe sobre o excedente de recadación, derivada das taxas da ORA e da retirada e depósito de vehículos. Hai que ter en conta que ao Concello deberalle corresponder cando menos o 50% do excedente da recadación, unha vez descontados os gastos derivados da prestación do servizo e a amortización do investimento.

A concelleira estimou un prazo duns catro meses para que se resolva o expediente e se adxudique o servizo á nova empresa. O actual contrato está prorrogado por un período de seis meses.

Compartir: