ALCALDÍA E MEDIO AMBIENTE

Acondicionado o acceso á Finca Vista Alegre con novo pavimento e axardinamento

01/03/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, visitou as obras de mellora realizadas na Finca de Vista Alegre. A intervención permitiu acondicionar o pavimento e os accesos á finca, axardinando os límites do espazo de entrada e o resto da parcela, en mal estado polo estacionamento indiscriminado de vehículos sobre eles.

Esta presenza de vehículos, así como a zahorra arrastrada pola auga da choiva a causa da pendente do acceso fixera desaparecer o límite existente de madeira entre o pavimento e o axardinamento. Por isto, eliminouse o pavimento existente e o devandito limite de madeira, substituíndoo por unha nova pavimentación de solo cemento recuberto de xabre.

Na parte da entrada executouse unha superficie de chapacuña duns 35 metros cadrados, chapacuña que en forma lineal se repite transversalmente ao longo do camiño. O Concello limitará a casos excepcionais o acceso de vehículos á finca, mediante a instalación dunha pilona ou bolardo de apertura automática

En canto aos bordes, acondicionáronse con pedra de Santiago en chapacuña, arrincando ou tratando as plantas existentes, instalando o rego por goteo e plantando tapizantes, azaleas e plantas aromáticas cun substrato de cortiza de piñeiro.

En resumo, os traballos realizados foron os seguintes:

- Levantado do solo existente.
- Levantado do borde existente de madeira.
- Arrincado de plantas de borde.
- Pavimentación.
- Axardinamento.
- Colocación do sistema de control de acceso.

A Finca de Vista Alegre é un parque con usos moi diversos, sobre todo no período estival, xa que é un espazo recollido acaído para actos culturais, coma os celebrados no marco do Festival dos Abrazos e outros. Non en balde, alberga dous edificios relacionados coa creación e a produción cultural.

O orzamento total da obra ascende a 103.000 euros (IVE incluído). Foi financiada polo Consorcio de Santiago e executada pola Concellería de Medio Ambiente.

Compartir: